Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE esíxelle «transparencia» a Raxoi sobre a cociña central escolar

A edil Marta Abal afirma que «o modelo non muda» e alerta sobre que o actual contrato vence o vindeiro ano, polo que o novo sistema debe ser operativo o próximo curso

A concelleiro do grupo municipal socialista Marta Abal na sala de prensa de Raxoi

A concelleiro do grupo municipal socialista Marta Abal na sala de prensa de Raxoi / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira do grupo municipal socialista Marta Abal compareceu este xoves en rolda de prensa para demandar información sobre o estado no que se encontra o proxecto de cociña central dos comedores escolares, asegurando que «o modelo non muda», xa que se mantén o sistema de cociña central e cátering. Abal reclamoulle ao goberno local «transparencia e planificación» alertando que «o vindeiro curso remata a prórroga do contrato» que afecta a máis de mil xantares ao día e arredor duns trescentos almorzos.

A edil do PSOE iniciou a súa intervención reclamando que van alá «dous anos e medio» de mandato e «estamos sen resposta» sobre a situación dos comedores escolares. Unha cuestión que goberno local anunciou que ía mudar, de cara a contar con cociñas propias nos centros escolares, mais que finalmente tivo que cambiar a unha cociña central posto que non todos os edificios dispoñían das condicións necesarias para acoller unha cociña propia.

«O modelo non cambia», insistiu Marta Abal na súa rolda de prensa, «por máis que traten de vendernos o contrario» e aproveitou para denunciar que consta nos orzamentos de 2025 «un millón de euros» destinados a esa cociña central mais «aínda non sabemos onde vai estar ou cal é o estado da licitación da obra». A edil alertou de que non é posible unha nova prórroga coa concesionaria actual poñendo o foco en que o de comedores é «un servizo esencial» e como tal «require de planificación e non opacidade».

Esta falta de información por parte do executivo de Goretti Sanmartín achácalla Abal a que «ou non saben como o van xestionar ou o van improvisar», e esixiu que «antes do remate do ano» o goberno debe falar publicamente sobre «onde vai estar esa cociña, cales son os prazos para a obra e como se vai dotar de persoal». Advertiu tamén da necesidade de coñecer a loxística da distribución dos xantares e do seu «control de calidade» así como de coñecer o custo económico «non só para as arcas municipais, senón tamén para as familias». «Van subir os prezos?», interrogouse Abal.

A concelleira aproveitou tamén para demandarlle ao goberno local que explique cal está a ser o control do contrato vixente. «Hoxe mesmo solicitaremos información ao goberno sobre o control que está a exercer» sobre a prestación deste servizo.

‘Ler para crecer’, campaña de promoción da lectura

«Achegar a lectura a primeiros lectores e involucrar a profesorado, librarías, bibliotecas e cidadanía en xeral, é o principal obxectivo da campaña municipal á lectura programada para este curso», así o decidiu a Consello de Educación que se reuniu este xoves pola tarde no Auditorio de Galicia. Unha campaña que se vai concentrar de maneira especial no próximo mes de febreiro e parte do mes de marzo.

O Consello de Educación reuniuse no Auditorio de Galicia este xoves

O Consello de Educación reuniuse no Auditorio de Galicia este xoves / CONCELLO

Así o explicaba a edil de Educación, Míriam Louzao, que indicou que o que se busca coa campaña ‘Ler para crecer’, na liña do contido da obra gañadora do Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Unha campaña «que se recupera neste mandato e chega á vixésima edición». Louzao asegurou que «se trata de fomentar hábitos de lectura en galego en idades temperás, implicando a toda a contorna do ámbito escolar e familiar».

A programación principal da campaña desenvolveranse nas salas de Afundación da rúa do Vilar e incluirá, entre outras actividades, a exposición de ilustracións e instalacións artísticas arredor dos álbums gañadores nos últimos anos do Premio Compostela. Louzao tamén informou que o departamento de Educación, en colaboración coa editorial Kalandraka, está ultimando a programación.

Tracking Pixel Contents