O videoarte de Centroamérica chega ao CGAC
É a primeira mostra monográfica en España sobre esta práctica artística nesta zona

Inauguración no CGAC da exposición ‘Territorio. Videoarte desde Centroamérica’. / Antonio Hernández
«Ten como fito ser a primeira mostra monográfica en España sobre esta práctica artística nestes países». Así valorou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a exposición Territorio. Videoarte desde Centroamérica, inaugurada este xoves no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, López Campos explicou que o proxecto recompila as videoperformances de 16 artistas deste territorio do continente americano realizadas ao longo da década dos anos 90 e principios do 2000, «o que nos permite ter unha interesante ollada da realidade política, social e cultural dos seus países de procedencia», sinalou o conselleiro de Cultura.
Neste senso, puxo en valor o relevante desta exposición por «permitir achegar ao público á escena artística de Centroamérica, unha das menos coñecidas de América Latina». Por estes motivos, considerou que, con esta proposta, o centro museístico da Xunta confirma que é «punta de lanza da arte contemporánea arriscada, brillante e sobre todo, comprometida».
López Campos fixo fincapé no feito de que, con Territorio, o CGAC «amplía o foco e cunha perspectiva máis ampla» cara a estes países aberto coa exposición retrospectiva da artista costarriqueña Priscila Monge, titulada Cuestións de vida ou morte, inaugurada en xuño deste ano, e tamén a de Luis González Palma, Constelacións do Intanxible, organizada en 2016.
Ata o 18 de xaneiro
Comisariada polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e a guatemalteca Rossina Cazali, o proxecto permitirá achegarse, ata o 18 de xaneiro de 2026, ao traballo de Patricia Belli, Edgar Calel, Benvenuto Chavajay, Manuel Chavajay, Donna Conlon, María Adela Díaz, Elyla, Regina José Galindo, Jorge de León, MACÚ, Sandra Monterroso, Antonio Pichillá, Naufus Ramírez-Figueroa, Abigail Reyes, Karla Solano e Adán Vallecill.
A exposición está estruturada en tres ámbitos temáticos. O primeiro presenta obras de Manuel Chavajay e Regina José Galindo (Guatemala), Donna Conlon (Os Estados Unidos de América/Panamá) e Patricia Belli (Nicaragua). Todos eles exploran a relación entre os elementos naturais, a vida e os conflitos humanos.
Nunha segunda sala, pódese contemplar a obra de Karla Solano (Costa Rica), que traballa co corpo e coa súa expresividade, xunto a obras de artistas indíxenas de Guatemala, como Sandra Monterroso, Antonio Pichillá, Edgar Calel e Benvenuto Chavajay, cuxas creacións se centran no rescate de coñecementos ancestrais e a denuncia da violencia e do racismo.
Súmanse a este espazo as obras de Elyla (Nicaragua), quen revisa a historia e a identidade queer; de Abigail Reyes (O Salvador), centrada na emigración, mentres que Naufus Ramírez-Figueroa (Guatemala) afonda na memoria histórica.
Inseguridade urbana
O último ámbito da exposición aborda cuestións como a inseguridade urbana e o extractivismo. Nel inclúense traballos de Adán Vallecillo (Honduras), Jorge de León e María Adela Díaz (Guatemala). Tamén se presenta unha serie de vídeos do colectivo Macú, inspirada en eventos que marcaron a sociedade urbana guatemalteca na década dos noventa do século pasado.
En conxunto, a exposición do CGAC ofrece unha conversación polifónica a través de imaxes e sons que reflicten as sincronías, subxectividades e complexidades do territorio centroamericano, desbordando as súas fronteiras xeográficas.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Rueda: 'A mellor opción e, probablemente a única', es una sola Facultad de Medicina descentralizada
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana