Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

O alumnado do Antonio Fraguas reclama saír no recreo: «Abride a porta, que o descanso importa»

Os estudantes de Bacharelato súmanse á protesta iniciada no Rosalía e opóñense a permanecer no centro no tempo de lecer

Protesta do alumnado do IES Antonio Fraguas na entrada do centro

Protesta do alumnado do IES Antonio Fraguas na entrada do centro / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

As mobilizacións do alumnado compostelán contra a obriga a permanecer nos centros durante o recreo estendéronse onte ao IES Antonio Fraguas tras iniciarse a principios de mes no IES Rosalía. Os estudantes de Bacharelato do centro situado en Fontiñas protagonizaron unha protesta na entrada do recinto para esixir «un cambio que nos permita desfrutar correctamente dos nosos tempos de descanso e desconexión».

A través dun manifesto, lido pola alumna Sara Carreira, lembraron que ata hai dous cursos o alumnado de Bacharelato podía saír do recinto no recreo, pero a nova dirección eliminou esta posibilidade a raíz do criterio da Inspección de Educación da Xunta de Galicia, que fai «responsable a cada centro do que lle poida pasar ao alumnado durante horario lectivo, tanto dentro como fóra do recinto escolar».

O centro «non está preparado»

Os estudantes do Antonio Fraguas cren que este cambio é «negativo» por varias razóns. Por unha banda, aseguran que as instalacións, «como na mairoría de centros de ensino públicos, non están preparadas» para a magnitude de alumnado que debe quedar dentro, uns 250 alumnos de Bacharelato e 500 de ESO. A dirección ofreceu aos maiores empregar as aulas no recreo, pero «non é unha solución realmente efectiva». Por outro lado, aluden á carga extra que supón a situación para o profesorado, que ademais das gardas do patio, ten que estar pendente das aulas do piso de arriba.

Por todo isto, e ante a falta dun espazo no que ter «unha sensación de descanso real», onte portaron pancartas nas que se podía ler «Inspección, abre o portalón» ou «Pola porta ou a ventá, os do Fraguas sairán». Ademais, entonaron cánticos como «Xunta, culpable, faite responsable» ou «Abride a porta, que o descanso importa». Estas proclamas ían dirixidas ás autoridades educativas, xa que «somos conscientes de que cambiar esta normativa non está en mans do centro».

Apoio de profesores e veciños

A protesta contou co apoio de parte do corpo docente. Así, o profesor de Música Pablo López sinalou que «a maioría apoiamos as reivindicacións, non teñen patio cuberto e son máis de 700 alumnos».

Os estudantes tamén espertaron a curiosidade e o apoio dalgúns transeúntes. «Non é normal, estanlle quitando todas as liberdades aos rapaces. Na nosa época podiamos saír, isto non ten sentido», apuntaba unha muller que se achegou ao lugar da mobilización.

Tracking Pixel Contents