A Praza de Abastos compostelá, unha cidade dentro da cidade
O actual mercado compostelán cumpre 80 anos e o Concello de Santiago celébrao cunha mostra fotográfica itinerante, que este venres se inaugurou na Praza de Mazarelos, e cun recoñecemento, musicado pola banda, ás praceiras máis lonxevas: Carme Aldrey, Carme Rarís e Antonio González

La Praza de Abastos celebra 80 años como corazón gastronómico de Santiago / Antonio Hernández

En outubro de 1945 quedaba rematado o Mercado de Abastos de Santiago despois de dez anos sen actividade. Unha obra do arquitecto asturiano Joaquín Vaquero Palacios, que levantou o recinto logo dun amplo traballo de campo cheo de contido etnográfico, un deseño vangardista e fóra da moda do momento, poñendo en valor non só o labor agrícola do rural compostelán, tamén os oficios, nunha época na que ademais estes estaban en crise. «Unha cidade dentro da cidade», así definiu o mercado a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reivindicando que tal fora a idea que captara Vaquero.
Esa Praza de Abastos, edificio hoxe admirado e segundo lugar máis visitado da capital de Galicia, só por detrás da Catedral, cumpre neste outubro 80 anos ‘Alimentando Compostela’ e o Concello de Santiago celébrao cunha exposición fotográfica itinerante que ten como punto de partida a emblemática Praza de Mazarelos, a carón do arco do mesmo nome, última parada das mercadorías que traían os composteláns extramuros (de Aríns, de Angrois... ) e os vendedores de fóra da cidade.
Ademais da inauguración da mostra, da man da súa comisaria, Ruth Varela –investigadora da Universidade da Coruña–, o aniversario do Mercado de Abastos que hoxe coñecemos tivo un recoñecemento especial para as praceiras máis lonxevas: Carme Aldrey, de Peixes Maricarmen; Antonio González, da Chacinería Seco, e Carme Rarís, terceira xeración familiar de pementeiras.

Os tres praceiros homenaxeados na Praza de Abastos de Santiago / Antonio Hernández
Tres persoas que dedicaron non só o seu traballo, tamén a súa vida á praza e que non disimularon a emoción que este recoñecemento lles causou. Carme Aldrey, que nun primeiro momento desbotaba asistir por timidez, definiuno á perfección: «Moi emocionada, non estou afeita a isto, non sei máis que traballar, pero foi moi bonito, moi emocionante». E tampouco deixaron de comentar que os tempos mudaron, e con eles tamén a vida no Mercado de Abastos. «A hostalaría vén moi pouco á praza», explicaba Carme Rarís a este diario, «faille falta vida».
Unha vida que tampouco desliga do encarecemento da mesma, botando en falta a xente máis moza pero sen esquecer que os seus salarios tamén son insuficientes. E na mesma liña pronunciábase Aldrey: «A praza podía estar mellor, pero agora hai moita competencia, abrimos a unhas horas que igual xa non son tan compatibles co horario da xente que traballa».
Aos tres homenaxeados fíxoselles entrega dun broche da Praza de Abastos deseñado polo obradoiro compostelán Acivro Xoias, «porque os vendedores, as paisanas, as persoas que levan sostendo o mercado ao longo de tantos anos son as verdadeiras protagonistas de todas as accións que queremos desenvolver baixo este lema de ‘80 anos alimentando Compostela’», agradeceu o edil de Mercados, Xan Duro.
Unhas accións que complementaron esta homenaxe e este recoñecemento co son, primeiro das campás da veciña igrexa de San Fiz de Solovio, e despois coa actuación da Banda de Música Municipal de Santiago, igual que aconteceu hai agora 80 anos, segundo lembraba o concelleiro Xan Duro. Uníase, este venres coma naquel tempo, a presenza das autoridades locais –ademais da alcaldesa e do concelleiro de Mercados asistiron outros edís da Corporación local coma María Rozas (CA), José Antonio Constenla e Olaya Otero (PP), Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños (non adscritos) e Sindo Guinarte (PSOE)–.
A aldea e o campo na urbe
Durante a súa intervención na Praza de Abastos, o edil Duro reivindicou o papel do mercado «como centro de alimentación de proximidade e eixo central para o cumprimento do Pacto Alimentario de Milán, asinado tamén por Santiago, e co que as cidades nos comprometemos a impulsar sistemas agroalimentarios sostibles, inclusivos e diversificados».
Unha idea a de economía de proximidade e sostible na que incidiu a alcaldesa, que definiu a praza como «un monumento dentro dun monumento, un mundo dentro dun mundo, unha cidade con vida propia no corazón da nosa cidade». Goretti Sanmartín defendeu que o Mercado de Abastos tamén é memoria en tanto que «forma parte da nosa biografía, coas nosas décadas, coa nosa idade»; é «riqueza, forma parte do PIB –Produto Interior Bruto– da cidade, é lugar de traballo, é destino da produción dos sectores primarios, estratéxicos para o noso país».

Joaquín Vaquero Ibáñez (neto de Vaquero Palacios), Carme Aldrey, Sanmartín e Duro / Antonio Hernández
Sanmartín engadiu que a praza «é o futuro que queremos porque defende o comercio de proximidade, de quilómetro cero, polo produto de tempada», e aproveitou o solleiro día de mediados de outubro que acompañou a celebración para bromear con que «se non sabemos moi se estamos na primavera ou no outono, achegámonos á praza e descubrímolo», á vista dos produtos de tempada que as praceiras traen das súas hortas.
Lembranza de Antonio Costa
A rexedora tivo durante a celebración no mercado palabras de recordo para Antonio Costa, propietario da carnicería Chelo & Muñico que, «case un ano despois de ser vítima dunha brutal agresión, continúa a ser lembrado polos praceiros e por unha cidade que ficou conmocionada naquela mañá de novembro do pasado ano». Sanmartín tampouco esqueceu a Lolo Fernández, da cortadoría Fina, que «tamén nos deixou prematuramente e ao resto das persoas da praza falecidas que permanecen na nosa lembranza».
Mostra vandalizada
A exposición fotográfica itinerante sobre a historia da Praza de Abastos, que preside unha imaxe das Marías –inspiración tamén do cartel do aniversario, obra de Lidia Cao–, e que agora se localiza en Mazarelos, foi vítima na noite previa á inauguración de actos de vandalización, cos que se colorearon de vermello dúas das imaxes, as que corresponden a postos de carne e que conteñen imaxes de polos e cochos pendurados nas casetas de venda do Mercado de Abastos.
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Santiago elige estos dos días como sus festivos locales en 2026
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- La historia del peor asesino de Santiago: cuatro muertos en Marrozos
- Raxoi explicará a los vecinos las nuevas restricciones en la zona vieja que ‘vetan’ negocios turísticos
- Conciertos de noviembre en Santiago