Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

A Praza de Abastos de Santiago estrea un plan piloto para promocionar a calidade dos produtos galegos

A Xunta pon en marcha unha iniciativa que se desenvolverá tanto de maneira presencial como a través das canles dixitais de comercialización

María José Gómez e Martín Alemparte, este sábado na Praza de Abastos de Santiago

María José Gómez e Martín Alemparte, este sábado na Praza de Abastos de Santiago / Cedida

Santiago

A Praza de Abastos de Santiago de Compostela foi o lugar escollido para a posta en marcha dunha nova acción de promoción de produtos de calidade impulsada pola Xunta baixo a denominación de MercaDO BO. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este sábado na presentación.

Trátase dunha experiencia piloto de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada neste tipo de mercados. Os obxectivos que se perseguen son os de promover o coñecemento e consumo destes produtos, apoiar os produtores locais e converter as prazas de abastos nun espazo vivo de promoción da identidade alimentaria de Galicia, tanto de maneira presencial como a través das canles dixitais de comercialización. En concreto, procúrase achegar os produtos galegos de calidade diferenciada con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida, produción ecolóxica e artesanía alimentaria aos consumidores a través das prazas de abastos.

Comercialización presencial e en liña

Así, ábrese un espazo permanente de promoción, decorado coa imaxe corporativa da Xunta de Galicia que se emprega en feiras e eventos gastronómicos, cun deseño inspirado nunha gran cesta de produtos galegos. Cada semana, un produtor ou produtora diferente atenderá o local, ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer, degustar e adquirir produtos certificados que representan a excelencia da nosa terra.

Este posto servirá tamén como punto de referencia para a promoción do marketplace dos produtos galegos de calidade diferenciada, unha ferramenta dixital impulsada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria para facilitar a súa comercialización e visibilidade en liña a través da web experienciasdecalidade.gal. Ademais, daranse a coñecer os lotes de produtos galegos deseñados e preparados para a súa venda conxunta, incluíndo a diversidade e a calidade diferenciada da nosa produción alimentaria.

Implicación dos locais de restauración

Asemade, en colaboración coa Nave 5 da Praza de Abastos, o produto protagonista de cada semana estará tamén presente nas elaboracións gastronómicas da zona de restauración, reforzando así a súa visibilidade e presenza no mercado. A maiores, na aula de catas do mercado organizaranse demostracións gastronómicas, talleres e actividades infantís centradas no produto destacado da semana, coa finalidade de divulgar a cultura alimentaria galega e promover o consumo consciente e de proximidade.

Na xornada deste sábado foi a quenda do pemento de Oímbra (Indicación Xeográfica Protexida) e en datas posteriores os protagonistas serán a Castaña de Galicia (IXP) ou as cabazas de agricultura ecolóxica.

Tracking Pixel Contents