Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Celebrando as mulleres no rural compostelán, sementeira de diversidade

O centro sociocultural da Gracia acolleu este 2025 a celebración do Día das Mulleres Rurais collendo o relevo de Laraño. Leti da Taberna, Soledad Felloza e pandeireteiras, no ano do recoñecemento da tradición oral no Día das Letras foron, máis que protagonistas, homenaxeadoras da muller no rural

As pandeireteiras abriron a xornada na Gracia, no día das Mulleres Rurais. |  Jesús Prieto

As pandeireteiras abriron a xornada na Gracia, no día das Mulleres Rurais. | Jesús Prieto / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Cantareiras, pandeireteiras, coidadoras da tradición oral. Foron elas as homenaxeadas no Día das Letras de 2025 e tamén as que iniciaron a celebración do Día das Mulleres Rurais, que tivo lugar este sábado no centro sociocultural da Gracia. Un evento que arrancou coa música das mans e das voces de Aurora, Aurelia, Rosaura, Helena e Maruxa e que continuou Leti da Taberna, veciña de Marantes e non da Gracia que á chiscadela da concelleira de Relacións veciñais, Pilar Lueiro, que explicou que se escollera esta parroquia por ter a sona «de ser a máis festeira da redonda», retrucou que «en Marantes estamos as máis simpáticas».

Nun auditorio repleto de mulleres que viven no rural, non só mulleres do rural, porque como ben se reivindicou na Gracia: elas son diversas, e a diversidade vén daquelas que sempre viviron no rural, das que volveron a el e das que foron agora a vivir para aló. A vivir, como tamén se matizou no centro sociocultural, lonxe das présas do momento das que fixo unha brillante mofa Leti da Taberna, e máis ben cerca dos «horarios que marca a natureza», como apuntou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que lembrou a definición que de Compostela propuxo o escritor Ramón Otero Pedrayo: «A aldea máis grande do mundo».

Na posta en valor desta aldea, da muller e do rural santiagués non puido faltar a mención á Praza de Abastos, de cuxa reconstrución se cumpren agora 80 anos, e que foi nutrida, a praza e a veciñanza de Compostela, co que sementaron e colleitaron as mulleres da Gracia, de Marantes, de Aríns, de Angrois e, en definitiva, do rural da capital de Galicia.

«Unha maneira de estar no mundo», díxose no encontro celebrado na Gracia. Un estar no mundo que implica sementar e para o que a narradora oral Soledad Felloza fixo un manifesto con referencias ás mulleres africanas, escravas, que levaban agochadas nas súas trenzas as sementes dos alimentos que cultivaban para outros. Esas sementes das que as mulleres son gardiás do que vai máis aló do alimenticio, e que chega á crianza, aos coidados e á creación de comunidade.

O manifesto, escrito por Felloza, leuse a catro voces: a de Soledad, a de Isa, a de Sandra e a de Tatiana, mulleres que viven, sementan, coidan e traballan no rural de Santiago, un rural «que late, e do que as mulleres somos o pulso», dixo Felloza. «Santiago sen o rural non sería o mesmo», reivindicou a rexedora que tamén quixo poñer en valor os oficios: as parteiras, as compoñedoras, costureiras, cesteiras...». Tarefas estas últimas que acompañaban «un modo de vida ecolóxico», que xa estaba no rural e que agora parece que se está recuperar.

Máis alá do Obradoiro

«Santiago non é só a Praza do Obradoiro, ou Montero Ríos, ou a rúa do Vilar», reivindicou a influencer Leti da Taberna, unha veciña de Marantes chegada dende Lugo, na súa defensa do rural, da vida na aldea ao ritmo da natureza e dunha Compostela que ten moito máis que unha Catedral.

No seu monólogo, Leti da Taberna falou tamén de ecoloxía, de como agora os almorzos teñen que reunir froitas «de canto máis lonxe mellor» e non de tempada, non da horta de par da casa. «Ao ritmo que fletamos barcos e avións para tomar o almorzo non salvamos o mundo», denunciou. Un mundo que respecta e polo que loita a muller, no rural, á que só lle fai falta «un café bebido» para poñerse en marcha, coma á nai de Leti da Taberna.

Tracking Pixel Contents