Entrevista | ARMANDO REQUEIXO Crítico literario e profesor
Armando Requeixo: «As redes contribuíron a que as regras de xogo mudasen»
Presentou en Follas Novas o libro ‘Literatura insólita’, que compila artigos seus, parte dunha andaina como columnista aberta hai tempo en EL CORREO GALLEGO. No acto en Santiago, estivo acompañado de Ánxela Gracián, escritora; Rosalía Morlán, novelista; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia

Armando Requeixo asina en Follas Novas (Santiago) un exemplar de ‘Literatura insólita’ / CEDIDA

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) morrería de xeito literal se neste mundo non tiveramos libros. En Santiago é un activista de calquera cita que fale de literatura, xa sexa unha conversa formal, un encontro informal, un xantar con sopa de letras, unha aula ou mesmo a cola para mercar o pan...
Licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa (Premio Extraordinario), Requeixo escribe no xornal irmán Faro de Vigo, xanela da súa andaina como crítico literario, semente de Literatura insólita, libro de artigos que agora edita Galaxia.
En Follas Novas, estivo na presentación con Ánxela Gracián, escritora; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia.
«Eu son mindoniense de nación, lucense provincial, amiense vivencial, estradense de adopción e compostelán por devoción e profesión, con fillo xenuinamente picheleiro», sinala Requeixo.
Ten tanta literatura na alma e na cabeza que os seus rizos, en realidade, son caracois dourados que sacan de paseo frases que ten coñecido e outras tantas escrito... Veciño e, sen embargo, amigo, é un home insólito pola súa grande afabilidade con persoas e libros.

En Follas Novas: Ánxela Gracián, escritora; Armando Requeixo, autor ; Rosalía Morlán, escritora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Galaxia. / Cedida
Indo cara aos días de onte: de que temas, autores e autoras falou nos primeiros artigos daquel 2006 neste mesmo xornal, EL CORREO GALLEGO?
Foron preto dunha vintena de entregas, que aínda non levaban o rótulo de ‘Literatura insólita’ senón o de ‘Letras de noso’, entre xaneiro de 2006 e marzo de 2007. Trataban de temas diversos: os libros da literatura universal nos que o Nadal era o asunto central ou a relación dos escritores e dos pintores, entre outros.
Cal foi o criterio de selección?
Inclineime no libro por escoller aqueles textos que me pareceron de lectura máis amena, que se ocupaban de temas máis rechamantes ou curiosos. Foi unha selección difícil, pois hai material para polo menos outras dúas entregas.
Algunha repercusión rechamante deses artigos?
A verdade é que todos os que apareceron aludidos responderon moi agradecidos. Tamén é certo que houbo algún, anecdótico, que se sorprendeu por non verse citado, pero sempre dentro da elegancia e da cortesía, pois era consciente de que nun texto breve para os medios non é posible citar ducias de nomes e hai que esencializar.
Anécdota
No libro hai moitas anécdotas e curiosidades... Hai favoritas? A de que Alexandre Dumas falou ben do peixe en Compostela é xenial.
É difícil escoller unha soa, pero, falando de Alexandre Dumas pai, amentarei outra desta fabulosa personaxe. Hoxe sabemos que el foi o primeiro escritor profesional en rodearse, imos dicilo así, de «axudantes» que lle adiantaban traballo na ideación e redacción das obras. Pois ben, cóntase que nunha ocasión se atopou co fillo, que tamén foi un grande escritor e ao que debemos A dama das camelias, e que lle preguntou: «Fillo, liches xa a miña última novela?», ao que este respondeu retranqueiro: «Non. E ti, papá?».
Compostela e os libros
Colabora moito no eido dos libros en Compostela, nas presentacións e demais, xa un clásico.
Como crítico literario é certo que axudei e sigo axudando a presentar moitas obras de moi diversos autores, en Compostela e non só. Teño que dicir que na inmensa maioría dos casos foron encontros moi gratos, dos que gardo un felicísimo recordo porque hai casos nos que se trata de grandes escritores que xa non están entre nós ou mesmo de autores de fóra de Galicia aos que, modestamente, lles servín de anfitrión e que a partir de entón tiveron, e teñen, unha relación afectiva coa nosa cultura.
Como mudou a relación coas editoriais e autores e autoras? Ante o mundo das redes sociais, as críticas son máis benévolas...
Non che falta razón cando apuntas a que o mundo das redes sociais contribuíu a que as regras de xogo mudasen. Entre outras cousas porque nese medio calquera, teña ou non formación, teña ou non criterio, teña ou non experiencia, teña ou non lucidez analítica e fondura na hermenéutica textual, pódese dicir o que dea a real gana e, por desfortuna, hai xente que cre cegamente neses comentarios que, como digo, son simples comentarios, respectables, xaora, pero que só deberían de considerarse como meras opinións. Cómpre diferenciar aquí, coma en todo na vida, de quen veñen as palabras, cal é o capital profesional, formativo e experiencial que cada un ten.
Cunqueiro
Con que obras quedaría ben este libro nun andel?
Novamente é unha pregunta que resulta todo un desafío, porque se me ocorren unha chea de títulos. Pero conformareime con referir só algúns libros dun autor que admiro e que homenaxeo xa dende o propio subtítulo do meu volume. Estou a referirme ao inmenso Álvaro Cunqueiro. Oxalá a alguén lle parecese ao lerme que, como mindoniense, gardo algo desa marabilla que permanece en El envés, Laberinto y Cía ou El descanso del camellero.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Rueda: 'A mellor opción e, probablemente a única', es una sola Facultad de Medicina descentralizada
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana