Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Luz verde á reparación e á rehabilitación da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago

As actuacións neste elemento da Catedral contan cun orzamento de 1.705.504 €

Torre do Reloxo da Catedral de Santiago

Torre do Reloxo da Catedral de Santiago / CONCELLO

Santiago

A xunta de goberno local deste luns acordou concederlle ao Arcebispado de Santiago a licenza para a restauración e a rehabilitación integral da Torre do Reloxo da Catedral compostelá. Unhas actuacións para as que se conta cun orzamento de execución material de 1.705.504 euros.

O proxecto, dos arquitectos Óscar e Iván Andrés Quintela, vai consistir na restauración da fábrica pétrea (exterior e interior), na recuperación das pinturas sobre a fábrica de pedra (como as das esferas exteriores do reloxo e dos zócolos interiores), e tamén a restauración das pinturas sobre a madeira da caixa da maquinaria. Así mesmo, vaise rehabilitar o espazo interior para facilitar o acceso á torre e vaise substituír a carpintaría exterior e interior dos ocos por novos elementos de madeira, ademais de incluír novas carpintarías acristaladas con perfís de aceiro.

Segundo indican dende Raxoi tamén se vai executar unha nova estrutura de madeira para soster a campá principal, substituíndo a metálica existente e vaise reparar a maquinaria do reloxo e do mecanismo de golpeo das campás. A iluminación de toda a torre tamén se vai mudar e vai contar cunha nova instalación eléctrica.

O proxecto enmárcase no Plan director do conxunto da Catedral, aprobado pola xunta de goberno o 27 de outubro de 2009 e conta co informe favorable da dirección xeral de Patrimonio Cultural e co ditame favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Plan especial.

Tracking Pixel Contents