Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi amplia o prazo do concurso de Virxe da Cerca

O «interese suscitado» pola convocatoria leva a fixar no 9 de xaneiro o final desta primeira fase

Panorámica da Virxe da Cerca, unha das que se busca humanizar a través do concurso de ideas

Panorámica da Virxe da Cerca, unha das que se busca humanizar a través do concurso de ideas / Jesús Prieto

Santiago

O Concello de Santiago ampliou ata o 9 de xaneiro de 2026 o prazo para presentar propostas na primeira fase do concurso internacional de ideas para a transformación do conector central da cidade, «visto o enorme interese suscitado pola convocatoria».

O edil de Urbanismo, Iago Lestegás, destacou que «este concurso non vai só de mobilidade, vai tamén de crear unha infraestrutura verde que nos permita mitigar o impacto do cambio climático na cidade e mellorar a xestión do ciclo da auga, que é unha cuestión clave no século XXI». Lestegás lembrou tamén que a transformación do conector central, entre San Clemente e Santa Clara pasando por Virxe da Cerca «vai tamén de crear espazos públicos máis agradables, máis confortables, máis accesibles que favorezan a comunidade e a convivencia». 

O concelleiro engadiu ademais que «a circulación é unha das funcións do espazo público, pero non é a única». Nesta liña o concurso, cuxa primeira fase ía finalizar o 17 de novembro, amplíase a xaneiro en resposta «á demanda de máis tempo para a elaboración das propostas».

O concurso de ideas vaise desenvolver en dúas fases e conta cun orzamento de 170.000 euros, cun valor estimado do contrato de 720.000 euros. O ámbito do concurso abrangue máis de 45.000 m² e o seu obxectivo é repensar o espazo público de forma integral, equilibrando os diferentes usos e priorizando a calidade do espazo urbano, a sustentabilidade e a multifuncionalidade.

O xurado seleccionará, tras esta primeira fase, cinco propostas que pasarán á segunda fase, en que se desenvolverán ata o nivel de anteproxecto. A proposta gañadora recibirá unha compensación de 50.000 euros, mentres que os outros catro equipos premiados recibirán 30.000 euros cada un.

Tracking Pixel Contents