Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As contas da comuidade autónoma para 2026

Sanmartín considera «cativos» os orzamentos da Xunta para Santiago

Verea celebra o investimento na sede do Cesga e destaca o «compromiso» da Xunta coa cidade, mentres que Guinarte cre que as contas son «decepcionantes»

Membros do goberno local e da oposición nun pleno do Concello de Santiago

Membros do goberno local e da oposición nun pleno do Concello de Santiago / Antonio Hernández

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo onte unha primeira valoración do proxecto orzamentario da Xunta para o ano 2026, logo da súa presentación no Parlamento galego. Nesta primeira análise, e a falta dun estudo máis en detalle, a rexedora compostelá considera que se trata dunhas contas «cativas e insuficientes para responder ás necesidades de Santiago». A rexedora insistiu nas súas críticas á contía para o financiamento polo Estatuto da Capitalidade, que se sitúa en 3 millóns de euros logo de que o Goberno autonómico aplicase unha subida do 14 % respecto do ano anterior.

En relación con isto, lembrou que Compostela recibiu 3,18 millóns de euros en 2009 e que os estudos actuais sitúan as necesidades «moi por riba desta cifra», roldando os 8 millóns. Do mesmo xeito, sinalou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, «volveu incumprir o compromiso» de convocar o Consello da Capitalidade antes da aprobación dos orzamentos autonómicos. «É evidente que Santiago de Compostela non é tratada como lle corresponde», insistiu Goretti Sanmartín.

A rexedora compostelá tamén ve destatendidas demandas históricas da capital galega, como o centro de día das Fontiñas, unha nova infraestrutura deportiva, o conservatorio de danza, un edificio para a Escola Oficial de Idiomas que poida acoller as necesidades actuais ou as «múltiples obras pendentes» na rede de centros escolares públicos.

Tendo en conta o «grave problema» do prezo da vivenda e a «disposición amosada polo Concello para colaborar» cedendo solo para construír vivenda pública en alugueiro, a alcaldesa avalía «moi negativamente» que non se recollan fondos para dotar un programa en Compostela que «impulse decididamente a atención a esta demanda».

Verea celebra o investimento na nova sede do Cesga

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, celebrou onte os investimentos previstos nos orzamentos da Xunta de Galicia na cidade para 2026. Verea destacou os 56 millóns de euros que se investirán no Cesga e as posibilidades que ofrecerá esta infraestrutura, que no futuro albergará unha fábrica europea de Intelixencia Artificial.

«Santiago contará con novos equipamentos de vangarda, que mellorarán as súas capacidades, consolidarán o seu liderado internacional, atraerán novos fondos e investigadores e, tamén, fomentarán a I+D+i e a competitividade», apuntou Verea. «Con estas novas infraestruturas, que estarán rematadas no vindeiro verán, dáse un impulso a atracción de novos investimentos nacionais e internacionais e ao fomento da innovación, internacionalización e competitividade», subliñou.

O voceiro da formación conservadora en Raxoi tamén enxalzou o incremento no Estatuto da Capitalidade, destacando que aumentou sete veces máis que o orzamento xeral da Xunta. «Con estes datos o Goberno galego está a amosar que mantén un importante compromiso coa cidade, ao mellorar a cifra, tal como lle solicitei hai uns días», asegurou. Así mesmo, Verea lembrou que xa o pasado exercicio este capítulo das contas autonómicas «tivo a maior subida dos últimos quince anos».

«Sabemos que toda cantidade nunca será suficiente, pero será á veciñanza compostelá a que decida quen está conseguindo cousas e quen está embarrando e instalándose en liortas inútiles», concluíu.

Guinarte lamenta que as contas son «decepcionantes»

O voceiro do Partido Socialista no Pazo de Raxoi, Sindo Guinarte, considerou onte «decepcionantes» para Santiago as contas da Xunta de Galicia para o ano 2026, unha proposta que «non achega nada novo nin relevante».

Guinarte explicou que «a única partida relevante é a destinada ao Centro de Protonterapia, un proxecto importante pero pensado para toda Galicia, non especificamente para Compostela». Tamén sinalou que a achega pola capitalidade continúa «por debaixo da que a cidade xa recibía no ano 2009».

Guinarte criticou que as previsións en materia de vivenda son «moi escasas» e lembrou a «baixa execución orzamentaria da Xunta neste ámbito». Ademais, advertiu da falta de investimento en saneamento no rural, en mellorar centros educativos e sanitarios ou en políticas sociais.

Tracking Pixel Contents