Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PSOE denuncia a "incapacidade" do goberno local á hora de licitar obra pública

A edil Marta Abal anuncia que solicitaran un cronograma de execución das actuacións que contan con crédito

Imaxe das actuais obras do Barrio Verde de Pontepedriña

Imaxe das actuais obras do Barrio Verde de Pontepedriña / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

Os concelleiros do grupo municipal socialista, Marta Abal e Sindo Guinarte, compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar a "incapacidade do goberno local de dedicar crédito a investimentos financeiramente sostibles", en relación coas cifras de obra pública nestes dous anos e medio de lexislatura.

A edil Marta Abal sinalou que a amortización de débeda de Raxoi con cargo ao crédito de 2024 ascende a case 4 millóns de euros que se podían ter dedicado a obra pública e considera que ao goberno de Goretti Sanmartín lle "custa tirar da infraestrutura á administración municipal e van case seis meses tarde coa liquidación" orzamentaria.

A concelleira referiu que en 2023, cando aínda o novo goberno recollía actuacións xa licitadas no mandato de Sánchez Bugallo, foron 23 as obras públicas que se puxeron en marcha, fronte a 16 en 2024 e 17 no que vai de 2025, "os dous anos de goberno íntegro de BNG e Compostela Aberta".

"En comparación co mesmo tempo que vai de lexislatura, entre xuño de 2019 e o ano 2021", indicou Abal, "licitouse un 22,41 por cento menos" de obra pública no que vai de mandato do bipartito. A socialista, neste punto, non deixou pasar a ocasión de lembrar que "na anterior lexislatura houbo unha pandemia mundial e fomos quen de licitar obra pública". Nesta comparación entre o mandato socialista e o nacionalista, Abal destacou que no segundo ano completo de goberno de Bugallo se licitou un 50% máis de obra pública que neste 2025.

Obras na rúa García Lorca, no barrio de Vit

Obras na rúa García Lorca, no barrio de Vite / Antonio Hernández

"Falta de impulso político"

A concelleira Marta Abal tirou dos datos achegados dende o seu grupo municipal a conclusión de que "non hai falta de crédito pero si de impulso político" á hora de licitar obra pública e fixo referencia ao Plan de contratación de 2025. "Prevense 31 actuacións e só están licitadas 14, e outras tres que non estan reflectidas neste plan".

Por todo isto, o grupo municipal socialista vaille solicitar ao goberno local que "negocien con nós as actuacións que van decaer", pois sinalan que segundo consta no anexo de investimentos dos Orzamentos de 2025 "de case 12,5 millóns de euros máis de 8,5 millóns aínda non se dispoñen". Marta Abal puntualizou que desa cantidade 2,5 millóns de euros dependen de operacións de crédito e 5,8 "era ingresos das parcelas municipais, dos que xa sabemos que só se van producir 2.700.000 euros".

Estes datos levan ao PSOE a pedirlle ao goberno de Sanmartín que realice un cronograma da execución das obras públicas que contan con crédito de cara á negociación dos orzamentos municipais de 2026.

Falta de comunicación

A edil Marta Abal suxeriulle tamén ao goberno local que "mellore a planificación da obra pública que vai executar", porque "hai que ter en conta as afectacións" que derivan das actuacións nos lugares en que estas se realizan, e referiuse ás actuais obras do Barrio Verde de Pontepedriña e os inconvintes que están a supor para o instituto que alí se atopa.

"Non se falou co instituto", denunciou a edil, "agora si se está en conversas pero non hai solución de aparcamento para os vehículos que agora estacionan no parking do centro", de cara ao remate da obra. "Son 108 automóbiles que nese momento non poderán aparcar no centro e a día de hoxe non se lles dá unha solución alternativa".

A concelleira instou o goberno local a garantir a mobilidade do centro e pese a desculpar que se poidan cometer erros "todos sabemos que alí se imparte ensino secundario, Bacharelato e, polas tardes, formación profesional", polo que hai que ter en conta a afectación que vai conlevar a obra.

Tracking Pixel Contents