Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago rende homenaxe ao filósofo Manuel Regueiro Tenreiro

A Facultade de Filosofía acollerá este xoves un memorial académico tras seis anos do seu pasamento, que concluirá mañá en Lugo

Manuel Regueiro Tenreiro foi director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Manuel Regueiro Tenreiro foi director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. / Magar

L.R.

Santiago

Seis anos despois do pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, (Perbes, Miño, 1943), a comunidade universitaria e filosófica galega rendirá homenaxe á súa figura cun memorial académico que se celebrará este xoves 23 e venres 24 de outubro de 2025 en Santiago e Lugo, respectivamente. O encontro, aberto ao público, leva por título 'Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e Lingua' e reunirá destacados especialistas das áreas de filosofía, filoloxía e educación.

A xornada inaugural terá lugar mañá, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. O acto abrirase ás 16.15 horas e incluirá a conferencia inaugural do profesor Helio Carpintero Capell (Catedrático de Psicoloxía na UCM e presidente da Academia de Psicoloxía), titulada Lingua e razón vital. Notas sobre unha lingüística orteguiana en homenaxe a Manuel Regueiro.

Logo desenvolveranse dous paneis temáticos. O primeiro, baixo o título de 'Regueiro e a Filosofía', contará coas intervencións de Marcelino Agís Villaverde, Carlos Baliñas Fernández e Ángel González Fernández. O segundo, 'Regueiro e a Lingua Galega', contará coa participación do Centro Ramón Piñeiro, con Mercedes Brea López, J. Ramón López Vázquez e Isabel González, moderados por Armando Requeixo.

Xa na xornada do venres, o Memorial trasladarase ao Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado da USC, no Campus de Lugo. As sesións abordarán a dimensión docente e persoal de Regueiro. Nun primeiro panel, 'Regueiro, Profesor' intervirá Jaime Santoalla Varela e Manuela López Besteiro, e estará moderado por Miguel Ángel Martínez Quintanar. No seguinte, 'Regueiro e o Compromiso coa Fe', contará coa intervención de Pedro Rubal Pardeiro, José Huerta e Xesús Ferro Ruibal. O encargado de moderar a conversa será Xulio Xiz.

O evento pecharase coa conferencia de clausura a cargo de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, titulada Regueiro e a lingua hoxe.

O memorial está coordinado por Marcelino Agís Villaverde, do departamento de Filoloxía e Antropoloxía da USC e Miguel Ángel Martínez Quintanar, de Filosofía Moral.

A organización corre a cargo da Sociedad Interuniversitaria de Filosofía de Santiago e Egeria / Brandán Comunicación, coa colaboración da Facultade de Filosofía da USC, a Facultade de Formación do Profesorado da USC e o Centro Ramón Piñeiro, e co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

Traxectoria do catedrático

Manuel Regueiro estudou o ensino secundario en Santiago. Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade de Salamanca, doutorouse en Filosofía na Universidade Complutense de Madrid. Foi profesor en Soria, Salamanca, Lugo, Ferrol, Vilalba (instituto do que foi director) e novamente en Lugo. Foi subdirector xeral de Inspección e Reforma Educativa (1988-1989) e director xeral de Política Lingüística (1989-2000). Tamén exerceu como director do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Colaborou na publicación dos primeiros libros de texto en lingua galegaIntroducción á Filosofía (Galaxia, 1979) e Historia da Filosofía (Galaxia, 1980). Foi fundador e membro do consello asesor da Revista Galega de Ensino.

Tracking Pixel Contents