Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xscape, o proxecto do Incipit para coñecer a impronta cognitiva da arte e descubrir pasado e futuro

O programa XScape, do CISC, cruza o ecuador e inicia unha nova fase de recollida de datos para a que busca voluntarios dos que explorar os movementos visuais que se producen ante a observación de obxectos e as diferenzas destes segundo as culturas e o estilo artístico do que se está a ollar

Un dos participantes no experimento de seguemento do movemento ocular

Un dos participantes no experimento de seguemento do movemento ocular / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) coordina XScape, un proxecto que se desenvolve entre 2021 e 2027 e que se coordina dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) de Compostela. Trátase dun estudo sobre as «interaccións entre o cerebro predictivo, os artefactos culturais e a exploración», un proxecto transdisciplinar que busca a resposta conxunta de diferentes ciencias humanas e da neurociencia. Nel participa tamén o Instituto de Neurociencias e as universidades de Sussex (Reino Unido) e Kiel (Alemaña).

«Estamos nun momento doce porque xa temos acumulados moitos datos, moitos resultados e podemos empezar a producir resultados concretos». O investigador principal do proxecto, Felipe Criado, explica en conversa con EL CORREO GALLEGO que «a orixinalidade» do XScape «está en que é a primeira aproximación sistemática que se fai para tentar comprender como o mundo material interacciona cos procesos cognitivos, coa mente».

Criado destaca deste programa, non só a súa transdisciplinariedade e mais o obxectivo de obter unha «resposta sinérxica» do conxunto das ciencias que participan, senón tamén que XScape «traballa a escala global, con diferentes culturas, países, momentos históricos, rexistros arqueolóxicos de diferentes partes do mundo». O proxecto recolle datos que chegan dende a arqueoloxía, a historia, a historia da arte ou a antropoloxía de comunidades indíxenas. «Isto tamén é novo», restalta Criado para engadir que «tamén é novo o feito de que as ciencias cognitivas e as ciencias humanas traballen en conxunto, en colaboración».

Miramos da mesma forma a Catedral que o CGAC?

Segundo explica o profesor Criado, a pregunta de investigación de XScape é a de «se o mundo material, que inclúe tamén o mundo que construímos os humanos, modifica o procesamento cognitivo, a forma definitiva na que concibimos a realidade». O investigador fala desa «ecoloxía artificial que son as cidades», unha contorna dominada por aquilo que nós modificamos, xa non polos elementos naturais, así que «quedaba por estudar o mundo físico e as súas variacións dependendo do tipo de cultura no que esteamos».

Imaxinamos co profesor Criado «un cidadán de Santiago diante da Catedral e esa mesma persoa ponse fronte ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o que estamos a ver coas técnicas que empregamos é que esa persoa ante dous edificios construídos por humanos con máis de 300 anos de diferencia, ten uns movementos visuais, da cabeza, corporais que varían totalmente, e ademais varían dun xeito homoxéneo cando vemos outros edificios parecidos ou distintos».

Deste modo, os movementos do observador serán ante a fachada barroca da Catedral, no Obradoiro, ante un elemento, o templo, pensando para impoñerse sobre a cidade e impresionar pero serán diferentes ante o CGAC, xa que é un elemento contemporáneo deseñado para causar o menor impacto visual posible. «Coas técnicas que empregamos podemos poñer en relación a resposta preceptual co estilo artístico, co contexto histórico, coas relacións de poder», apunta Felipe Criado.

«A resposta humana é moi parecida na mesma contorna cultural, entre a veciñanza de Santiago, por exemplo, e en edificios con tanta forza, incluso en xente de contextos culturais distintos ou de distinta procedencia, digamos que alguén de Manhattan ou da Amazonía vai ver a Catedral dun xeito bastante parecido a nós pero non exactamente igual».

Potencialidade de aplicación

XScape vai permitir coñecer a impronta cognitiva que xeran os diferentes estilos artísticos, de distintos contextos culturais e «como esa impronta xera unha pegada no propio proceso cognitivo, no que chamamos os procesos internos cos que se manexa cada persoa». Isto no tocante ás ciencias humanas é comprender aspectos do pasado, pero no campo da neurociencia apréndese cousas «como a impronta nos procesos mentais que xera na mente a interacción co mundo material».

E isto último, apunta Criado, permite aos investigadores ver que o proxecto «ten unha potencialidade dende o punto de vista práctico, aplicado, que abre novas posibilidades de traballo. Por exemplo, chegar a predicións ben fundadas sobre a evolución do gusto, da moda, do culto». E non desvinculado disto, o investigador de XScape alerta tamén sobre «o xigantesco perigo que entraña entregar as nosas vidas a dispositivos tecnolóxicos controlados polas grandes corporacións, que acceden a datos inxentes sobre o noso comportamento, as nosas accións».

Recollida e análise de datos

O proxecto XScape, financiado con 10 millóns de euros polo European Research Council (ERC), busca voluntarios para a realización de experimentos no laboratorio, o Material Minds Lab do Incipit. Trátase dun exercicio duns 10 minutos durante o que o participante explora unha serie de obxectos ou imaxes coa mirada, mentres unha serie de cámaras e co emprego dun artiluxio semellante a unhas lentes se rexistra o movemento dos seus ollos e do corpo. «Con técnicas non invasivas e inocuas», informan dende o Incipit e insiste en destacalo Felipe Criado.

Até o de agora xa formaron parte deste experimento máis dun milleiro de voluntarios, cifra que se pretende duplicar até 2027. «Cada participante recibe unha compensación por valor de 25 euros», tanto de forma directa como a xeito de entradas para algún evento cultural porque se trata tamén de «recoñecer o tempo» desa persoa voluntaria que tamén está a formar parte do traballo XScape.

Tracking Pixel Contents