Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aprobada a equivalencia de estudos estranxeiros para o acceso a títulos da USC

No Consello de Goberno tamén se analizaron as Plataformas Científico-Tecnolóxicas

O reitor da USC, Antonio López, presidiu este venres a xuntanza en San Xerome.

O reitor da USC, Antonio López, presidiu este venres a xuntanza en San Xerome. / Santi Alvite

L.R.

Santiago

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago, reunido onte en San Xerome, aprobou varias modificacións normativas para adecuarse ao escenario actual. Co obxectivo de atender as necesidades detectadas nalgunhas plataformas científico-tecnolóxicas, acordouse modificar o regulamento para a creación, modificación e supresión das Plataformas Científico-Tecnolóxicas para introducir a figura dunha persoa responsable técnica. Encargarase de funcións de apoio «cando o volume de actividade ou a complexidade das instalacións así o recomenden». A súa proposta de nomeamento será realizada por quen ostente a responsabilidade científico-técnica da plataforma.

Aprobouse ademais que, unha vez modificado o mapa de titulacións da USC e a súa oferta formativa no ámbito da criminoloxía, o Instituto de Criminoloxía se extinga en favor do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (INCIFOR), que decidiu recentemente a creación dunha nova unidade científico-técnica de Criminoloxía.

No apartado académico, «nun contexto como o actual no que a captación de estudantado internacional adquire especial relevancia no proceso de internacionalización da USC», considerouse preciso establecer as canles a través das cales as persoas tituladas fóra de España que non dispoñan de títulos homologados, validados ou declarados equivalentes poidan solicitar o acceso a unha titulación. Así, este venres aprobáronse os criterios para regular o recoñecemento de equivalencia de estudos estranxeiros para o acceso a mestrados, doutoramento e estudos propios da USC.

Ademais, deuse o visto bo ao regulamento de programas de simultaneidade de estudos e das estruturas curriculares específicas na USC; a modificación da memoria do Programa de Doutoramento en Lóxica, Filosofía da Ciencia e Estudos Sociais da Ciencia, titulación conxunta coordinada pola Universidade de Salamanca ou a modificación dos regulamentos de traballos de fin de estudos e de estudos propios.

En materia de persoal, aprobouse a prórroga de contrato dunha profesora asociada de Ciencias da Saúde e unha corrección de erros na proposta de asignación de complementos de recoñecemento de mérito docente na convocatoria de 2024.

Outros asuntos tratados

A maiores, na xuntanza aprobouse a cobertura dunha vacante na comisión para a atención aos casos de violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero (CAVISA), así como a designación de representantes do Consello de Goberno no iLTIUS e no iTERRA e da dirección en funcións do Departamento de Matemáticas.

A cesión de uso temporal de espazos no inmoble do pavillón de servizos da USC ao CITMAga, a adhesión da Universidade ao Clúster ACUIPLUS e a aprobación do logo institucional do Idega son os asuntos que completaron a xornada deste venres 24 de outubro.

Tracking Pixel Contents