Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello elixe unha empresa compostelá para poñer cor ao Nadal

Raxoi adxudicou, por dous anos, o contrato para a iluminación das festas a Iluminaciones Santiaguesas por 568.000 euros

Acendido das luces de Nadal o ano pasado en Compostela.

Acendido das luces de Nadal o ano pasado en Compostela. / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A dous meses de que se celebre o propio día do Nadal, o 25 de decembro, o Concello de Santiago xa adxudicou o contrato para a iluminación das festas deste ano e do seguinte. Foi na Xunta de Goberno local, reunida este xoves 23 de outubro en sesión extraordinaria, onde se fixo a adxudicación a Iluminaciones Santiaguesas SL por 568.700 euros (IVE incluído). Por agora descoñécese cando se comezará co acendido.

Esta empresa foi a única que presentou oferta e tal e como sinala o Concello «cumpre cos requisitos esixidos no prego». O contrato inclúe o deseño da proposta técnico-artística, subministro, instalación, posta en funcionamento, mantemento e posterior retirada, en réxime de aluguer, dos elementos decorativos de alumeamento que lucirán nas rúas e prazas compostelás.

Mediante esta adxudicación do contrato mixto de iluminación de Nadal no Concello de Santiago, comprométese un gasto de 241.697,50 euros para este ano 2025, 284.350 euros para 2026 e 42.652,50 euros correspondentes ao exercicio 2027, con impostos incluídos. A oferta económica sen IVE ascende a 470.000 euros.

Segundo avanzou Raxoi, a empresa adxudicataria «encargarase de instalar un alumeamento ornamental que cree unha atmosfera cálida para gozar destas datas», con instalación de arcos luminosos, elementos singulares, iluminación de árbores e photocalls en distintos puntos da cidade.

Con este contrato, o Concello de Santiago «procura a instalación dun alumeado concordante coa cidade, con personalidade propia, con ampla presenza nas rúas de Compostela», principalmente no Casco Histórico e no Ensanche como principais ámbitos comerciais da cidade.

A oferta presta atención detallada aos valores de luminancia, emisións luminosas, funcionamento intelixente e regulación de luminosidade que eviten os deslumeamentos e máis o exceso de emisións luminosas, especialmente no período nocturno.

A contratación realizouse a través da Concellería de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD, con competencias en festas, que dirixe Pilar Lueiro.

Tracking Pixel Contents