Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Proxecto 'Entre Sar e Sarela'

Nova licitación para restaurar a lagoa do Auditorio, pendente de que a Fundación Biodiversidade conceda a prórroga

O tempo de execución da actuación é de 6 meses pero o prazo da subvención vence o 31 de decembro deste ano

Imaxe de arquivo do entorno da lagoa do Auditorio

Imaxe de arquivo do entorno da lagoa do Auditorio / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

A concelleira Míriam Louzao compareceu un luns máis ante a prensa para dar conta dos acordos adoptados pola xunta de goberno local. Entre as cuestións máis destacadas está a nova convocatoria da licitación do proxecto de restauración da lagoa do Auditorio de Galicia e mais do río Corgo, con financiamento ligado ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. Un concurso que quedou deserto en 2024 ao non presentarse ao mesmo ningunha empresa.

Cando o goberno local anunciou este resultado do concurso matizou que se poñía a traballar na nova convocatoria "para facela máis atractiva" para as posibles empresas concorrentes. Agora, máis dun ano despois, convócase a nova licitación pendente aínda de que a Fundación Biodiversidade dea o "Si" á prórroga solicitada polo Concello de Santiago. Unha ampliación de prazo necesaria porque as actuacións, subvencionadas nun 95% por fondos europeos NextGeneration, teñen fixado un período de execución de 6 meses pero as citadas axudas vencen o 31 de decembro de 2025.

En relación con este proxecto de restauración, integrado no coñecido plan 'Entre Sar e Sarela', a portavoz do goberno local aclarou que Raxoi está aínda á espera de reposta sobre a prórroga que "por agora non foi respondida afirmativamente pola Fundación Biodiversidade", ente xestor destes fondos europeos. Mais tamén matizou que o executivo de Goretti Sanmartín entende que "dado o interese do conxunto do proxecto 'Entre Sar e Sarela', centrado na creación dunha estratexia verde e na renaturalización de cinco zonas do ámbito urbano, recomenda avanzar todo o posible na súa execución seguindo tamén as indicacións da propia Fundación Biodiversidade".

Alternativa municipal a unha negativa á ampliación de prazos

Estas actuacións na lagoa do Auditorio e máis no río Corgo, que se tramitan como anticipado de gasto, contan cun orzamento base de licitación de de 826.965 euros (IVE incluído), dos que Concello achega o 5%, sempre e cando as administracións estatal -á que pertence a fundación- e europea acepten a prórroga solicitada.

"Estamos en espera de que finalmente a administración estatal e a Unión Europea amplíen a data de remate", explicaba a edil Míriam Louzao ao respecto, para aclarar que "en caso de que isto non se confirmase, adoptaremos a decisión máis favorable ao interese municipal, á vista da situación orzamentaria", sen engadir máis detalle sobre a cuestión.

26.500 metros cadrados de intervención

O ámbito desta actuación está conformado pola área que conforman tres tramos diferenciados do río Corgo, sumando un total de 26.500 metros cadrados, en contacto co anel verde exterior da cidade. Unha zona abrangue a área verde do Auditorio de Galicia, a Finca de Lois e o parque do burgo das Nacións.

O obxectivo é incrementar a biodiversidade urbana autóctona e crear novos hábitats, permitindo a presenza de especies de fauna local, e transformando un conxunto de espazos verdes illados nunha área nodo dentro da estratexia de infraestrutura verde.

Didáctica para a mellora do proxecto Ecobosque Sar

A xunta de goberno local acordou licitar o servizo de apoio «ás actuacións de gobernanza e participación proxecto do ecosistema fluvial do Ecobosque río Sar». Outro dos proxectos que se desenvolve ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.

O proxecto, orzamentado para a súa licitación en 67.793 euros (IVE incluído con cargo a fondos NextGeneration), inclúe o estudo e inventariado de recursos naturais vinculados ao río Sar. «Actuacións de estabilización de marxes, restauración de achegas hídricas», explicou a portavoz do goberno local Míriam Louzao. «Recuperación da vexetación de ribeira e eliminación de especies invasoras, conservación do Carballo de Conxo e potenciación da diversidade faunística», engadiu.

A edil matizou que «como é habitual neste tipo de proxectos», prevense accións participadas para a información e sensibilización social «arredor dos obxectivos que se perseguen, alén das análises de indicadores de avaliación». O contrato que agora se licita, segundo dixo a voceira do goberno, «ten por otxecto a asistencia técnica, o proceso de participación, organización e dinamización de mesas temáticas, obradoiros, roteiros, e análises didácticas». Para todo isto cóntase cun prazo de execución de 4 meses.

Tracking Pixel Contents