Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«As dotacións sociocomunitarias son unha débeda histórica co Ensanche»

Dende a Plataforma de afectados pola parcela del Peleteiro din que no Pleno do xoves, onde se abordará a aprobación provisional do PXOM, «teñen a posibilidade de facer algo xusto»

Instalacións do antigo colexio Peleteiro, en pleno corazón do Ensanche compostelán.

Instalacións do antigo colexio Peleteiro, en pleno corazón do Ensanche compostelán. / Jesús Prieto

L. Rey

Santiago

Esta semana o Pleno abordará a aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no ámbito do antigo colexio Peleteiro. Protexer o comercio de proximidade e priorizar o uso residencial é o primordial dunha revisión de usos que sae adiante en Santiago dende o ano 2003, segundo explicou este venres 24 de outubro o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.

Dende a Plataforma de afectadas pola parcela do Peleteiro, que ten como portavoz a Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños do Ensanche, consideran agora que «deberían ser prioritarias a vivenda pública e a dotación sociocomunitaria». Durán sinala que «é unha débeda histórica para un barrio coa densidade máis alta e as dotacións máis escasas de toda a cidade». Tamén apostan por un menor volume da edificación «para non cometer os mesmos erros monstruosos da construción do Ensanche compostelá dos anos setenta».

Gardería e biblioteca pública

Polo tanto, ven necesario contar cun centro de día «dimensionado ás necesidades do noso barrio». Entre outros equipamentos, mencionan unha gardería e espazos para a conciliación familiar «cos que manter a poboación máis nova e atraer a máis veciñanza». A maiores, apostan por unha biblioteca pública e «salas de reunións versátiles para o tecido asociativo e comercial da cidade», así como espazos de exposición para actividades de dinamización do comercio local.

Por outra banda, piden a restitución das actividades culturais que hai anos se desenvolvían na Aula de Cultura da Carreira do Conde e que se desmantelaron. «Esiximos que se recupere esa actividade cultural na zona nova para frear a degradación do barrio. Estamos convencidos de que sería un gran motor de dinamización social, e tamén para o comercio local e a hostalería máis respectuosa cunha zona residencial», consideran os veciños.

Zonas verdes para un barrio carente delas

Por último, desexan unha praza pública «suficientemente ampla» que actúe como «refuxio climático e zona verde nun barrio carente de zonas verdes».

O feito de que a alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo non consensuaran o plan coa veciñanza afectada é, en palabras da plataforma, «unha falta de respecto», cando se teñen presentado alegacións por parte de seis comunidades de propietarios e unha familia particular.

Sobre as modificacións realizadas recentemente polo goberno local, entenden que son «puramente de maquillaxe, xa que non supoñen ningunha modificación substancial».

Con todo, dende a plataforma recalcan á corporación municipal que o vindeiro xoves 30 de outubro, no Pleno, «terán nas súas mans a posibilidade de facer algo xusto e necesario polo futuro do Ensanche e da cidade».

Tracking Pixel Contents