Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O público compostelán reencóntrase co seu amor de outono: regresa Cineuropa

As entradas e bonos da XXXIX edición saen á venda o 5 de novembro a partir das 11 horas na Zona C e en compostelacultura.gal

Imaxe do público asistente a unha proxección na edición pasada de Cineuropa

Imaxe do público asistente a unha proxección na edición pasada de Cineuropa / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

O Festival Cineuropa regresa un outono máis a Compostela -entre o 7 e o 23 de novembro-, disposto a ofrecerlle ao seu público 140 filmes de cineastas consagrados e noveis, internacionais e galegos, que crean ficción e que cultivan o xénero documental. Un reencontro co público da capital de Galicia que ano tras ano, e xa van 39, demostra a súa querenza polo cinema menos comercial e polo ritual de compartir colectivamente o amor pola sétima arte.

E precisamente o amor ten nesta edición de Cineuropa un espazo destacado, mais non o clásico amor romántico, "melodramático", senón o amor "en todas sus formas, en toda su diversidad, porque el cine del odio no es, precisamente, el que defendemos en el festival". Falaba así o director de Cineuropa, José Luís Losa, para poñer enriba da mesa a necesidade de abordar o amor "en tiempos de discursos de odio y de negación del diferente".

Así, Cineuropa 2025 vai proxectar 39 filmes vencellados coas diferentes formas de amor e de amar, baixo o epígrafe As cousas do querer.

O director de Cineuropa, José Luís Losa, xunto á concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, e a deputada de Cultura pola Coruña, Natividade González

O director de Cineuropa, José Luís Losa, xunto á concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, e a deputada de Cultura pola Coruña, Natividade González / Jesús Prieto

Losa presentou a programación desta edición do festival no Pazo de Raxoi, xunto á concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, e a deputada de Cultura pola Coruña, Natividade González. Ambas puxeron en valor nas súas intervencións a necesaria colaboración institucional para este tipo de iniciativas. "As axudas, máis que recursos económicos", matizou González, son necesarias "na aposta polo talento e pola creatividade" e remarcou que do que se trata é de que "os recursos públicos volvan sempre ao público".

A deputada provincial de Cultura definiu tamén Cineuropa como "máis que un festival de cine, é parte da vida cultural e emocional de Compostela" e asegurou que os santiagueses debemos estar "orgullosos de vivir nun lugar onde o cinema é tan importante". E tamén de orgullo falou a edil Míriam Louzao, para quen Cineuropa é, ademais dun "símbolo de Compostela, un acto de resistencia cultural".

Premios Cineuropa 2025

José Luís Losa e a concelleira Louzao afondaron na programación desta XXXIX edición do festival, así como na traxectoria dos tres cineastas premiados este ano, entre eles a donostiarra-compostelá Jaione Camborda (Arima) que fixo historia ao gañar a Cuncha de Ouro do Festival de Cine de San Sebastián con O corno.

Xunto a ela van ser galardoados os directores Jonás Trueba (Los ilusos e Miniaturas), "referente do cinema independente español e herdeiro da mellor tradición humanista europea", e o palestino Kamal Aljafari, autor de dous documentais que se proxectarán nesta edición do festival, A fidai film e With Hasan in Gaza, un documento no que se narra a viaxe do cineasta á cidade palestina en 2001 para visitar un dos seus compañeiros de prisión, pois Aljafari foi detido polo goberno israelí. "Estaremos viendo Gaza en 2001 mientras recordamos este último año de genocidio", explicou Losa.

Dos tres galardoados, a concelleira Louzao destacou na rolda de prensa o seu "compromiso coa independencia creativa".

O programa e os escenarios

Catro van ser un ano máis os escenarios nos que se vai desenvolver o Festival Cineuropa: Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia e Numax.

Baixo o lema Saír do outono e da clandestinidade vaise desenvolver unha programación con longametraxes de Paolo Sorrentino, François Ozon, Oliver Assayas, Lucrecia Martel, Alice Winocour, Laura Casabé e Ana Clara Ribeiro, entre moitos outros. Precisamente da presenza feminina falou a edil Míriam Louzao para describir os traballos das cineastas como "voces que desafían o relato dominante, porque compromiso e a palabra que define Cineuropa".

Coma cada edición, o programa -cuxo calendario será público dende este próximo venres en cineuropa.gal-, o festival vaise distribuír entre a Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Panorama Audiovisual Galego e a sección competitiva, que vai xa pola súa quinta edición, Cineastas do presente. Os xornalistas e críticos de cinema Eulàlia Iglesias Huix, Ramón Lluis Bande e Florencia de Mugica, son os compoñentes do xurado deste ano.

Seccións paralelas, memoria e Faye Dunaway

Na sección paralela do festival, ademais de proxectárense filmes dos tres galardoados desta edición co premio Cineuropa, contarase co apartado Latinoamericano, Fantastique Compostela, o clásico Maratón, As cousas do querer, Cineuropa Miúda e Faye Dunaway: o talento convulso.

Desta última destacou o director do festival que se trata "de una actriz de Hollywood que se enfrentó a Hollywood" e comparouna con Greta Garbo, pois a súa traxectoria abrangue unha década "aunque a diferencia de Garbo ella no se desvaneció, la desvanecieron". Losa aproveitou para relatar a liberdade coa que a gañadora dun Oscar por Network desenvolveu o seu traballo na meca do cinema sen obviar a mala sona que lle puxeron por, entre outros, o seu enfrontamento co director Roman Polanski durante a rodaxe de Chinatown.

A memoria da 'esquecida' Faye Dunaway únese a outros documentos o que rememora os 50 anos da folga de actores e actrices nos últimos anos do franquismo, para o que se contará coa presenzada actriz Petra Fernández, e a proxección de Bajo las banderas, el sol, documental que pon o foco en ditaduras esquecidas, neste caso a do Paraguai baixo o mando de Alfredo Stroessner.

Tracking Pixel Contents