Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Muíños reclama que Raxoi convoque as 12 novas prazas de bombeiros pendentes

O parque terá esta fin de semana entre seis e sete efectivos fronte aos nove que debería ter

Gonzalo Muíños este venres no parque de bombeiros

Gonzalo Muíños este venres no parque de bombeiros / Cedida

O Parque de Bombeiros de Santiago volverá estar esta fin de semana baixo mínimos. Durante todo o venres foron só catro os profesionais que se fixeron cargo do servizo e a previsión é que durante sábado e domingo as quendas estean conformadas por só seis ou sete bombeiros. Así o informou onte o edil non adscrito Gonzalo Muíños, logo de achegarse ás instalacións para coñecer de primeira man a situación «e compartir a preocupación dos profesionais pola situación actual do servizo».

Mínimo de 9 efectivos

O concelleiro non adscrito amosouse moi crítico coa escasa dotación do parque fronte os nove profesionais que suporían o «mínimo esixible por quenda». Muíños, que fora responsable do servizo de Bombeiros durante o pasado mandato, sinala novamente os impagos das horas extras que, lembra, xa reclamara axilizar no mes de setembro.

Ademais o concelleiro non adscrito reclama ao goberno local o desbloqueo de 12 novas prazas para o parque de bombeiros. Lembra que se trata de 12 prazas previstas desde o 2023 e o 2024, 3 e 9 respectivamente, e que «suporían un reforzo na plantilla fundamental para blindar o servizo».

Reforzo en inverno

Muíños explicou que durante as semanas de inverno o normal é que se reforzase o servizo con ata trece bombeiros por turno: "Estamos nunha tempada con moitas alertas meteorolóxicas que requiren de varias saídas diarias, houbo días nos que se chegou ás 100 intervencións e, con esta plantilla, sería inviable”.

Tracking Pixel Contents