Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pitch Maker en Santiago: tres minutos para ‘vender’ un proxecto

A Casa das Máquinas (Galeras) acolleu este venres unha nova xornada do Maker Faire Galicia, desta volta dedicada á innovación en industria. Ademais das charlas e dos debates, os creadores puideron presentar as súas iniciativas

Charlas e exposición de proxectos tecnolóxicos  no Maker Faire Galicia

Charlas e exposición de proxectos tecnolóxicos no Maker Faire Galicia / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

A Casa das Máquinas foi este vernes o escenario dunha nova sesión do Maker Faire Galicia, xornadas ligadas á ciencia e ao emprendemento que agora se dedicaron á innovación na industria. Proxectos de iniciativa privada de pequenos emprendedores e de universidades (USC, UDC e UVigo) amosáronse nunha xornada de 10 a 16 horas entre mesas de debate, charlas e un aproveitamento do xantar para seguir tecendo redes.

Xusto antes desta pausa networking, nove dos proxectos participantes no Maker Faire Galicia formaron parte do apartado ‘Pitch proxectos maker’, unha tanda de presentacións de iniciativas, cunha duración máxima de tres minutos, na que os investigadores, alén de explicar a orixe e o desenvolvemento da súa iniciativa trataron tamén de ‘vender’ o seu produto e procurar investimentos e colaboradores.

Igfae, Nanogap, UVigo e UDC

Seis dos nove proxectos presentados no ‘Pitch proxectos maker’ parten ou están vencellados a algunha das universidades galegas. ‘Fedellando cos elementos’ é unha iniciativa do Igfae –Instituto Galego de Física de Altas Enerxías–, que durante a presentación botou man da frase de Antoine Saint-Exupéry en O principiño: «O esencial é invisible aos ollos». Unha sentenza moi acaída para quen traballa con quarks e electróns, elementos non visibles que o compoñen todo. ‘Fedellando cos elementos’ ten unha parte didáctica (Polos creativos) destinada a ESO.

Nanogap –spin-off da USC– presentou ‘A revolución das moléculas metálicas’, un proxecto que dende os nanomateriais chega a estas moléculas e aproveita o seu poder catalizador para aplicar, por exemplo, á xeración de hidróxeno –enerxía limpa– a partir de auga e luz solar, sen necesidade de electricidade. Dende o Laboratorio de Enxeñaría Mecánica da UDC presentouse o proxecto ‘Superpoderes’, de aplicación na cirurxía ortopédica e centrado nas próteses de xeonllos.

E dende a UVigo chegaron ao Maker Faire tres iniciativas: nMotion, Luxsit e Bixo. A primeira delas, centrada na fisioterapia e no mundo deportivo, trata de «obxectivar o camiño cara a recuperación» e agarda saír ao mercado en 2026. O proxecto Luxsit conxuga arte, emprendemento e enxeñaría para ofertar espectáculos de drons ao xeito dos fogos de artificio, «sen risco de incendios e ecofriendly», mencionaron na presentación en alusión ao estrés que xera nas mascotas o estrondo dos fogos artificiais. Drons creados a partir de plástico reciclado que permiten decorar o ceo nocturno ao gusto do consumidor.

A terceira das iniciativas vencellada coa UVigo é Bixo, que busca contribuír á investigación sobre a viabilidade da vida en Marte. Un proxecto desenvolvido por estudantes de diversas disciplinas reunidos na asociación SpaceLab, «que busca estudar o comportamento de organismos vivos –bacterias– en contornas espaciais".

Sacar o máximo da tecnoloxía

Outros tres proxectos presentados nos tres minutos do ‘Pitch’ centráronse no emprego da tecnoloxía para favorecer a vida cotiá das persoas. Unha desta iniciativas foi Egiunhum, de Martí Segura, un proxectos centrado no asesoramento tecnolóxico á industria, no deseño industrial a través de pezas de impresión 3D e na formación cara a Industria 5.0.

A iniciativa que Marc Badosa achegou á Casa das Máquinas trata de empregar a tecnoloxía intelixente á mellora da seguridade vial: Smartlights, semáforos e pasos de peón intelixentes que mediante internet e a análise da vía permiten non só dirixir o paso do tráfico senón tamén controlar a velocidade e mellorar a calidade do aire.

E finalmente, Sergio Dacal presentou o seu Smart Gym, tecnoloxía para sacarlle o maior rendemento ao ximnasio, con tan só incorporar os datos do atleta a unha pulseira e mediante o emprego dun espello intelixente a modo de adestrador persoal –control de repeticións e postural– que inclúe un dashboard para a xestión de espellos e clientes por parte dos ximnasios que incorporen esta tecnoloxía.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents