Compostela visita os seus mortos o Día de Santos
O cemiterio municipal de Boisaca é un ano máis epicentro da vida compostelá para celebrar o Día de Santos (1 de novembro) e o de Defuntos (2 de novembro). Unha fin de semana na que habituais e esporádicos non dubidan en visitar no camposanto os seus seres queridos xa desaparecidos e na que tamén, afortunadamente, a meteoroloxía foi algo benévola

Boisaca recibe a miles de compostelanos /

Ata para quen non gusta de visitar os cemiterios, teña ou careza de fe relixiosa e crenza no máis alá, sexa crente católico ou ateo, o primeiro día de novembro é unha data sinalada para render homenaxe e visitar os familiares e amigos que xa non están. E un ano máis o cemiterio municipal de Boisaca foi, este 1 de novembro, un ir e vir de xente e de flores nunha xornada na que a meteoroloxía, tan adversa nestes últimos días, deu un respiro e ata permitiu que saíse o sol.
De feito, as fortes rachas de vento e a auga que caeu nos últimos días e noites sobre a capital de Galicia decantaron os clientes das florerías por «mercar máis centros de flores que ramos ou xardiñeiras», pola maior estabilidade que ofrecen os primeiros. Así o comentaban dende Acacia, ao pé do camposanto municipal, e engadían que o que máis estaba a saír, sobre todo os días 30 de outubro e o 1 de novembro, eran «caraveis, sobre todo vermellos, e margaridas».
Esta afirmación refrendábana na tenda de en fronte, Lilas, onde destacaban que o crisantemo –unha das flores clásicas desta data xunto aos lirios e ás semprevivas– xa non saía tanto coma antes. «É unha flor moi voluminosa que xa non sae tanto», afirmaban en conversa con EL CORREO GALLEGO, para engadir que o máis vendido nos últimos anos eran as flores de moito colorido coma as rosas, as margaridas e mesmo as orquídeas, «aínda que estas algo menos porque saen máis caras».
E precisamente no prezo é onde hai desencontro entre clientes e vendedores. Os últimos afirman que non hai unha suba destacada respecto de 2024, aínda que si entre «un 10 e un 20%» respecto do resto do ano nesta data, porque tamén soben os prezos os seus provedores. Para a clientela, coa que puido falar este diario, «a suba é esaxerada», tanto para quen cada 15 días se achega ao cemiterio coma para quen vai nesta data
Achegarse en bus
Coma noutros anos o Concello de Santiago fixo melloras de limpeza e arranxos no cemiterio de cara á gran afluencia de visitantes desta xornada, na que tamén se fortaleceron as frecuencias da liña 1, que leva ao camposanto de Boisaca, con saídas cada 16 minutos entre as 9 e as 20 horas.
Aínda así, nas horas centrais do día as dificultades de circulación eran evidentes, tanto para o vehículo privado que buscaba algún lugar para estacionar, coma para os usuarios do transporte urbano, que padeceron os inconvintes da saturación de tráfico.
O arcebispo convida a descubrir a Cristo no outro
A Catedral de Santiago acolleu este sábado a tradicional Misa estacional con motivo da Solemnidade de Todos os Santos. A celebración estivo presidida polo arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, acompañado entre outros coro Cardenal Quiroga, nunha cerimonia marcada polo recollemento, a fe e a esperanza.
Durante a homilía, monseñor Prieto dirixiu unhas palabras de benvida aos fieis e peregrinos que encheron a Catedral, lembrando que «ofrece unha meta que non é final, senón que nos amosa unha meta maior». O arcebispo convidou os presentes a mirar a vida cristiá coma un camiño de esperanza.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Subastan dos locales en Área Central de un fondo luxemburgués con bienes en Santiago
- Caótica mañana en la AG-56: un coche es pasto de las llamas y otros seis chocan entre sí
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos