Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alba Nogueira Catedrática de Dereito Administrativo

«Son a candidata que ten un coñecemento máis transversal da USC»

Alba Nogueira pídelle á Xunta que retire os atrancos normativos que impiden as universidades públicas captar alumnado que acaba na privada

Alba Nogueira, candidata a suceder a Antonio López á fronte da Univesidade de Santiago

Alba Nogueira, candidata a suceder a Antonio López á fronte da Univesidade de Santiago / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

Alba Nogueira López (Toba, 1968), coordina a Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social (Armela), ademais de impartir docencia en Dereito e investigar no Cretus. Como candidata ao reitorado da USC, pon o foco na necesidade de facer máis fácil traballar na Universidade ou abordar o problema da vivenda en Santiago.

Foi a quinta muller en manifestar a súa intención de convertirse en reitora de cara ás eleccións do próximo mes de febreiro. Por que quere alcanzar este mandato?

Formo parte dun colectivo que leva tempo traballando conxuntamente no que están claustrais, decanos e decanas e direccións de departamento. Aportamos propostas e solucións á universidade en temas como o da autonomía universitaria na cuestión das titulacións, no acceso igualitario ao sistema de residencias, en cuestións de vivenda ou o exceso de burocracia. No noso caso non é unha candidatura nin improvisada nin que vaia a ofrecer solucións repentinas sobre temas que antes non nos interesaran. Buscamos dar continuidade a un traballo propositivo e en positivo para a Universidade de Santiago.

Comparte facultade co actual reitor, Antonio López. Que fixo ben nestes sete anos no cargo?

Antonio López é unha persoa con bo talante e amistosa no trato. Logrou iniciar o proceso de remuda xeracional do PDI.

E cales diría que foron as carencias na xestión?

Dende o meu punto de vista houbo unha delegación excesiva de funcións de dirección da Universidade nunha xerencia moi vertical no funcionamento e unha falta de liderado nas cuestións de titulacións. Tamén considero que se desaproveitou este período para preparar á universidade para un escenario global de retos e cambios moi profundos na formación, na remuda xeracional e nos propios temas de intelixencia artificial e sostibilidade onde temos unhas capacidades, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, que nos servirían para estar ben posicionados.

Nunha anterior entrevista comentaba que lle preocupa a «creación acelerada sen grandes controis de universidades privadas». Como debe actuar a USC?

España é unha anomalía dentro do contexto europeo de universidades no referente ao acelerón que pegou a matrícula nas universidades privadas. O desequilibrio a favor delas non existe no resto da Unión Europea. A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) creo que foi pouco incisiva na proposta de medidas e en como situarse nesa situación. En Galicia, a Xunta ten que retirar atrancos normativos para a admisión de alumnado. Temos imposibilidade de captar estudantes por ataduras normativas que estamos desprazando cara as privadas. Tamén considero que a Universidade de Abanca non pode estar tomando decisións estratéxicas no Consello Galego de Universidades

Que outros retos ten por diante a institución compostelá?

O reto é prepararnos para 2050. Como xa mencionaba, temos un escenario complexo polo que debemos repensar o papel que facemos na formación e como nos posicionamos no contexto global. Outra gran aposta para min é que este ten que ser o goberno do coidado das persoas no plano de facer máis fácil traballar na universidade. Hai que restaurar a confianza no PTXAS, reconstruír servizos desmantelados claves como o de investigación, prepararnos para a remuda xeracional, desterrar o precariado no PDI, ser axentes activos na cuestión da vivenda, moi importante para o estudantado e o profesorado máis novo, e construír a unidade de benestar de saúde mental.

Que podería aportar como reitora a diferencia das súas rivais?

Creo que son a candidata que ten un coñecemento máis transversal da USC. Dei clase en oito centros de todas as grandes áreas de coñecemento, polo que sei moi ben como funcionan por dentro, e sempre con avaliacións moi positivas do estudantado. Pertenzo a un dos centros singulares de investigación, o Cretus, polo que teño unha actividade interdisciplinar, e participei nas mesas de negociación do Ministerio e no Consello Galego de Universidades. Mesmo lle din formación ao PTXAS e persoal directivo desta e outras universidades. Polo tanto, considero que teño coñecemento no ámbito docente e investigador nas distintas áreas de coñecemento que me parece que non reúne ningunha das outras candidatas e unha experiencia de negociación externa que tamén me da a posibilidade de saber que teclas tocar para ese momento de cambio.

Sen coñecerse aínda os programas electorias, hai algunha candidata ‘favorita’?

O que nos din as eleccións nas distintas universidades do estado español nos últimos tempos é que están gañando as candidaturas que aportan aire fresco con respecto ás xa esgotadas ou probadas. Creo que o noso é o único proxecto que se enmarca niso. Coñecemos en profundidade a realidade das persoas e da institución. Temos un proxecto ilusionante para afrontar un futuro de cambio na universidade.

Que criterios priorizou á hora de elixir ás persoas que formarán o seu equipo?

Son persoas que teñen varias características en común. Apostan por unha defensa da universidade pública e son persoas solventes que coñecen ben a docencia e a investigación, e ademais teñen experiencia. Son caras novas para un tempo novo da universidade. Ademais, teño que dicir que dende hai meses estou mantendo xuntanzas con colectivos e responsables de distintas unidades de PDI e PTXAS para sumar a persoas neste proceso e construír así un proxecto participativo que integre a toda a comunidade universitaria.

Tracking Pixel Contents