Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arturo Xosé Pereiro Rozas, novo decano da Facultade de Psicoloxía da USC

Fomentar a participación do estudantado e aumentar as opcións de especialización do centro son algúns dos retos do profesor de Psicoloxía Evolutiva e da Educación

Arturo Xosé Pereiro, novo decano de Psicoloxía da USC, pertence ao departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación.

Arturo Xosé Pereiro, novo decano de Psicoloxía da USC, pertence ao departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación. / Santi Alvite

L.R.

Santiago

Arturo Xosé Pereiro Rozas será o novo decano da Facultade de Psicoloxía da USC, despois de ser elixido por 36 votos a favor e 6, en branco, nos comicios que se desenvolveron o pasado 31 de outubro. O profesor Pereiro Rozas, candidato único nas eleccións, sucede no cargo á actual decana, María José Sampedro Vizcaya.

Entre os principais obxectivos do novo decano atópanse fomentar a participación do estudantado, sobre todo nas estruturas de goberno; e aumentar as opcións de especialización do centro, así como profundar nas xa existentes. Ademais, tal e como sinalou, tamén considera a «analizar a opción de reformar plans de estudo».

No capítulo investigador, o profesor Pereiro Rozas pon o foco na necesidade de «fortalecer as sinerxías» co Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) xa que boa parte do profesorado da Facultade ten vinculación con este Instituto. «O IPsiUS e a Facultade de Psicoloxía poden enriquecerse mutuamente», destacou.

Traxectoria

Pertencente ao departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Arturo Xosé Pereiro Rozas é integrante do grupo ‘NeuCogA-Aging. Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía’ e está vinculado ao IPsiUS. Dirixiu seis teses de doutoramento e é autor de máis dun cento de publicacións, entre artigos, libros, capítulos de libros e achegas a congresos. A súa tese de doutoramento, tamén defendida na USC, versou sobre os factores de procesamento da capacidade narrativa na vellez. 

Tracking Pixel Contents