Así interveñen os Servizos Sociais co senfogarismo
A raíz da polémica xerada nas últimas semanas polo comportamento incívico dunha persoa sen fogar que habitaba en Cervantes, causando problemas a veciños e comerciantes, EL CORREO achégase a Servizos sociais para que as técnicas que traballan coa xente que vive na rúa expliquen como operan

Persoas sen fogar habitando na dársena da avenida Xoán XXIII hai dous anos / Antonio Hernández

«Teño 47 anos, unha licenciatura, un traballo estable por conta allea e unha vivenda en aluguer. Mañá poden despedirme, botarme do piso... Mañá podo ter unha adicción que mande a miña estabilidade polos aires. Mañá podo vivir na rúa, porque calquera, tamén quen está a ler esta reportaxe, pode acabar sendo unha persoa sen fogar».
Con esta situación posible por diante, EL CORREO GALLEGO acode ao departamento municipal de Servizos Sociais. Tamén a raíz da polémica política e veciñal xerada por unha persoa sen fogar que nas últimas semanas habitaba na Praza de Cervantes, causando co seu comportamento incívico malestar entre veciños e comerciantes, e probablemente visitantes.
A denuncia desta situación por parte do grupo maioritario da oposición, o Partido Popular, puxo en dúbida o traballo das técnicas de Servizos Sociais do Concello de Santiago, cuestionando a eficacia das súas intervencións coas persoas sen fogar. A situación que se viviu «evidencia uns servizos e recursos municipais insufientes», afirmou a edil Yolanda Otero.
Este diario achegouse ao edificio de Galeras no que ten as súas instalacións o departamento de Servizos Sociais municipal para coñecer de primeira man cales son os protocolos de actuación coas persoas sen fogar e contar non só como se intervén, senón tamén ata onde as traballadoras sociais poden intervir, porque non ter fogar non anula os dereitos individuais.
Gañar a confianza, o primeiro paso para a intervención
No pleno ordinario de outubro os grupos da Corporación local afeáronlle ao PP que para facerse eco da «inseguridade» e das queixas de comerciantes e veciños se achegase á Praza de Cervantes. O edil de Convivencia, Xan Duro (Compostela Aberta), tachou esta actuación de «total falta de escrúpulos» e o voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, recalcou que «as persoas sen fogar son vulnerables e as principais vítimas da súa situación».
Pero a concelleira máis contundente, e a que máis se achegou no seu discurso ao traballo que se desenvolve dende o departamento de Servizos Sociais, foi a non adscrita Marta Álvarez. «Non se pode mesturar o senfogarismo cos problemas de inseguridade xerados por trapicheo de drogas e narcopisos».
Comezaba así a súa intervención a exsocialista para recalcar que «son problemas distintos que hai que atallar con ferramentas diferentes», ao tempo que poñía en valor o traballo das técnicas de Servizos Sociais. «É irresponsable coas traballadoras de Servizos Sociais e do Semus –Servizo municipal de urxencias sociais–, porque establecer unha relación de confianza cunha persoa que vive na rúa require de moito tempo, porque desconfían das institucións».
E así o relatan as propias traballadoras do departamento social municipal, para quen as persoas sen fogar son «un colectivo prioritario de intervención». «Temos que coñecelos no seu propio espazo», explícanlle a este xornal poñendo sobre a mesa un símil: «Como recibirías ti a alguén que chama á túa porta dicindo que vén de Servizos Sociais? Pois para a xente que habita na rúa, o seu cartón é a súa casa».
A complexidade dun caso de senfogarismo está moi por riba, afirman, doutras situacións de emerxencia social. Por iso, «realízanse roteiros nocturnos», non só cando dende o Semus se dá conta dunha emerxencia, senón de maneira rutinaria e semanal.
As técnicas toman o seu tempo para gañar a confianza de cada persoa que habita a rúa, pois non son as necesidades que cada un de nós podemos considerar imprescindibles iguais para todo o mundo, e a desconfianza nas institucións tamén marca a actitude da persoa sen fogar fronte á traballadora social que quere entrar en contacto con ela.
Unha vez establecido este contacto, xerada esta confianza, se a persoa en cuestión é conflitiva, o traballo dende Servizos Sociais non pode ir máis alá da súa liberdade individual, é dicir, se a persoa non depón a súa actitude, pouco máis se pode facer salvo que «supoña un risco para a súa vida ou para a vida de terceiros». Nestas situacións o derpartamento si pode actuar xudicializando o caso que, primeiro, debe pasar aos servizos sanitarios, para que un profesional da psiquiatría avalíe a persoa en cuestión e, con iso, o dominio que ten ou non de si mesma.
Se o servizo médico establece que a persoa ten plenas as súas facultades e non afectadas por ningún trastorno, as técnicas de Servizos Sociais deben continuar co seu traballo habitual, só se isto non é así se pode xudicializar o caso.
2017, o ano do cambio
Até 2017 o traballo municipal coa xente que habita as rúas de Compostela realizábase dende os PASS –Punto de Atención de Servizos Sociais–, coma calquera outra situación de vulnerabilidade ou risco social. Máis nese ano, 2017, e baixo o mandato de Compostela Aberta, o cadro de persoal ampliouse e especializouse a unha persoa no traballo coa xente de rúa –hoxe en día son dúas as traballadoras que realizan esta tarefa–.
Outro punto de inflexión marcouno, coma na vida de todos, a pandemia e posterior confinamento de 2020, cando a colaboración habitual de Servizos Sociais con Cruz Vermella, Cáritas e Feafes –Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades de Saúde Mental– se ampliou, poñendo a disposición das persoas sen fogar o albergue do Seminario Menor.
Naquela altura quedou constancia tamén nos Servizos Sociais do Concello de Santiago que a capital de Galicia, igual que outras grandes cidades coma Vigo ou A Coruña, era receptora de persoas sen fogar derivadas doutros municipios, máis pequenos, que carecen de recursos para poderlles dar atención. «En Santiago, unha vez que a persoa quere deixar a rúa axudámoslle coa documentación, se é que carece dela, DNI e tarxeta sanitaria, buscámoslle un aloxamento», o Concello dispón de pisos e de convenios con pensións, «e vemos se pode acceder ao ingreso mínimo vital ou a unha Risga –Renda de inclusión social–». «E cando non teñen dereito a nada», engaden as técnicas, «en Santiago temos a gran sorte de ter unha ordenanza de garantía básica cidadá», unha renda municipal que pode ser a mínima axuda económica para unha persoa que accede a deixar a rúa e «entrar no sistema».
As técnicas do departamento de Servizos Sociais gábanse do seu labor e de non deixaren abandonadas as persoas coas que entran en contacto, que manteñen o trato con elas logo de saíren da rúa, aseguran, por máis que tamén sexa de lamentar que non todas as persoas conclúen a súa inserción social, senón que algunhas volven á situación de senfogarismo.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito