«Logramos poñer os teitos de cristal que rompeu Luisa Cuesta»: Así é o libro sobre a primeira profesora da USC
Ana Cabana e Aldara Cidrás son as autoras dun libro sobre a primeira profesora da USC que inicia a colección ‘Pioneiras’

Pola esquerda, Sonia Esperanza Rodríguez, Ana Cabana, Antonio López, Ana Mª Gude, Aldara Cidrás e Juan Blanco, no acto de presentación da biografía de Luisa Cuesta. / Santi Alvite

Luisa Cuesta Gutiérrez, a primeira profesora da Universidade de Santiago e a primeira muller que estudou na Facultade de Dereito, protagoniza o primeiro volume da colección ‘Pioneiras da Universidade de Santiago de Compostela’. «Foi unha encomenda do reitor Antonio López e para nós supuxo sorpresa, moita alegría e certo respecto xa que a etiqueta de pioneira, moitas veces empregada con boas atencións, corre o risco de caer na caricatura das persoas ás que se lles fai a biografía e centrarse exclusivamente nos éxitos e poñer o foco no individual», comentan Ana Cabada Iglesia e Aldara Cidrás Fuentes, autoras do libro Luisa Cuesta: primeira profesora da Universidade de Santiago de Compostela.
«Sabiamos pouco sobre ela e fomos descubrindo cousas cada vez máis interesantes que fan da súa figura un perfil extraordinario», transmiten a profesora titular e doutora, respectivamente, de Historia Contemporánea da USC.
Foi a primeira bibliotecaria da USC, cando chegou a Santiago no ano 1921, a primeira alumna da Facultade de Dereito e a primeira docente en Filosofía e Letras, coa súa primeira aula o 27 de outubro de 1924. «Ademais de ser a primeira que deu clase, fixoo en igualdade cos homes. Impartira docencia con anterioridade en Valladolid pero sen cobrar», contan, ao que engaden: «Isto convérteo nun fito para toda a universidade española».
Aos que teñan a oportunidade de ler o volume serán conscientes «do que fallaba na Universidade hai cen anos, o que pode seguir errando e aquilo no que se debe seguir avanzando».
Para a elaboración do libro empregaron «todo o material que puido chegar ás nosas mans». Contaron coa colaboración de persoal do Arquivo da USC, da Biblioteca Xeral, e do Arquivo da Real Academia Galega. Tamén contactaron con outras investigadoras que estudaron a traxectoria de Luisa e «que tiveron a amabilidade de compartir os seus textos con nós». Nese aspecto, agradecen o papel de Pilar Cagiao, profesora de ambas investigadoras, que no seu día «estudara o perfil de Luisa Cuesta vinculada aos estudos de Historia de América».
A maiores, queren agradecer ao reitor «polo pulo», á Oficina de Xénero e Igualdade «que estivo amparando a investigación» e a Edicións USC «por darlle casa a esta publicación».
En definitiva, as coautoras aseguran ter cumpridos os obxectivos dun traballo que comezaron a desenvolver no primeiro semestre de 2024. «Logramos poñer os teitos de cristal que consegue romper Luisa porque é unha historia de primeiras veces, pero tamén deixamos sinalado cales foron os chans pegañentos dos que ela non se puido despegar», din. Recordan as investigadoras que Cuesta «nunca chegou a vivir da investigación, cando daba clase era de forma parella á súa ocupación como bibliotecaria».
Antonio López: «A igualdade de dereitos entre mulleres e homes, un dos nosos obxectivos»
O volume presentouse este luns no Salón de Graos da Facultade de Dereito nun acto que contou coa presenza do reitor. «Con esta nova colección saldamos a débeda que a Universidade tiña, e ten aínda, contraída coas mulleres que conseguiron deitar abaixo os muros de formigón que impedían o acceso da muller á universidade», explicou Antonio López en referencia á nova serie de Edicións USC adicada ás ‘Pioneiras da USC’.
López engadiu que «é unha cuestión de xustiza con aquelas pioneiras, pero ten que ser tamén un compromiso da Universidade para perseverar na igualdade efectiva de dereitos entre mulleres e homes, que, cen anos despois, segue sendo un dos nosos obxectivos». No acto tamén interviñeron as autoras, así como a decana do centro anfitrión, Ana María Gude Fernández; e o director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés. Á sesión tamén asistiu a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Financial Times' sitúa a una empresa con sede en Santiago como referente en Europa
- Del magosto de Sar a la fiesta de Conxo: castañas, foliada, un bingo y churrasco 'a fartar' este sábado en Santiago
- Rueda: 'A mellor opción e, probablemente a única', es una sola Facultad de Medicina descentralizada
- Muere el empresario Emilio Bouzas Cajuso, muy conocido en el Ensanche de Santiago
- Nueva apertura en la ‘milla de oro’ de Santiago: abre una juguetería en Montero Ríos
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana