Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi adxudica a reparación da cuberta do pavillón do CEIP Pío XII

A xunta de goberno local licita tamén a conexión de Sabugueira á rede de abastecemento municipal

Patio do colexio Pío XII, ao carón do pavillón polideportivo do centro

Patio do colexio Pío XII, ao carón do pavillón polideportivo do centro / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno adxudicou o contrato para a reposición da estanquidade da cuberta do polideportivo do CEIP Pío XII. Unha adxudicación que recaeu en Impernosa S.L. logo de que no mes de maio a convocatoria quedase deserta. A portavoz do goberno, Míriam Louzao, explicou que reavaliou tecnicamente a licitación, pasando dun orzamento base de arredor de 76.000 euros a 99.000, quedando a oferta de Impernosa nos 98.991 euros (IVE incluído).

O prazo de execución da obra no colexio compostelán, para solventar os problemas de filtración de auga, é de dous meses e a concelleira Louzao asegurou que as actuacións nesta cuberta de 85 metros cadrados e construída en 1991 é «compatible co uso escolar». Ademais, segundo explicou a voceira, a concesionaria oferta «un prazo de garantía de dous anos, por riba do mínimo establecido».

Aprobada a conexión de Lavacolla á rede de abastecemento local

A xunta de goberno local celebrada este luns aprobou unha nova fase, incluída no Pacto polo Rural, para conectar as parroquias da periferia compostelá á rede de abastecemento e saneamento municipais.

Neste caso, o acordo refírese á aprobación do expediente de contratación para redactar o proxecto de «Conexión do sector Lavacolla (Sabugueira) á rede xeral» local, xa que até o de agora, e segundo explicou en rolda de prensa a voceira do goberno local, Míriam Louzao, fornecíase dende a rede do veciño concello de Boqueixón. Unha situación que na actualidade estaba a causar «problemas de caudal e de presión» nos domicilios ademais de deixar sen abastecemento os «puntos máis elevados» desta área do concello.

Trátase dunha actuación orzamentada na súa licitación en 58.174 euros (IVE incluído) e que conta cun prazo de execución, para a redacción dos diferentes tramos de actuación, de cinco meses no cómputo global.

Bono taxi

Raxoi aproba as axudas para o emprego do taxi destinadas ás persoas con dificultades de mobilidade. O orzamento destas axudas ascende a 3.446 euros e resultaron beneficiadas 19 persoas do municipio.

Tracking Pixel Contents