Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

‘Transición’, a mostra que reivindica a mobilización popular no Ensanche

A Fundación 10 de Marzo inaugura no centro sociocultural unha exposición dirixida a mozos e maiores no mes no que se cumpren 50 anos da morte do ditador Franco

O centro sociocultural do Ensanche acolle este mes unha mostra sobre a Transición

O centro sociocultural do Ensanche acolle este mes unha mostra sobre a Transición / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Centro sociocultural (CSC) do Ensanche acolle dende este xoves a mostra Transición, organizada pola Fundación 10 de Marzo, ligada ao sindicato Comisións Obreiras (CC.OO), e en cuxa presentación tomaron parte o presidente da fundación, Xesús Castro Bahamonde, o profesor Víctor Santidrián –un dos organizadores da mesma–, a concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas e José Ramón de la Fuente  (PP) e Marta Abal (PSOE) en representación dos seus respectivos grupos dentro da Corporación local.

«Unha realidade sen nostalxia nun centro sociocultural que cobre dúas grandes etapas da vida», explicou Castro Bahamonde na súa intervención en referencia a que no CSC do Ensanche conflúen «persoas que van recrear o que viviron» na Transición, xente maior, e tamén «os máis novos, non coñecedores deste importante paso da ditadura á democracia», pois este CSC ten como peculiaridade entre o resto de centros municipais o epígrafe de «xuvenil».

Nesta idea, e tamén en que a mostra pon o foco na «mobilización popular», incidiu tamén o profesor e un dos creadores da exposición, Víctor Santidrián, que quixo destacar o feito de que na mostra non se recrean as caras políticas ou máis recorridas cando se fala da Transición.

A exposición intégrana un total de 18 paneis informativos e de contido gráfico que comezan coa temática da lingua, un panel inicial que «sería outro se non estivésemos en Galicia», explicou o profesor e un dos creadores da exposición, Víctor Santidrián, que tamén puxo en valor a organización dos diferentes paneis, sen seguir exactamente unha orde cronolóxica, pero que contén imaxes e textos referentes á Movida –con palabras do músico Julián Hernández (Siniestro Total), pois foi a cidade de Vigo parte fundamental nesta explosión cultural–, sen esquecer o movemento LGTBI e as primeiras mobilizacións, as reivindicacións feministas en canto a dereitos coma o aborto ou a loita dos traballadores. «Fálase da amnistía», matizou Santidrián, «pero omítese a amnistía laboral», en referencia ao ‘castigo’ dos traballadores que se mobilizaron pola democracia e pola mellora das condicións laborais.

Dende a Fundación 10 de Marzo compleméntase o contido da exposición cunha serie de charlas, que tamén terán lugar no CSC do Ensanche e para as que están pechados nomes coma Xesús Alonso Montero ou Nicolás Sartorius. Ademais, a mostra está dispoñible para os centros de ensino que queiran acollela no seu espazo.

Tracking Pixel Contents