Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Rosa Crujeiras Catedrática de Estatística e Investigación Operativa

«Ser a primeira reitora sería un privilexio,pero o máis relevante é non ser a última»

Rosa Crujeiras (1978, Ribeira), catedrática de Estadística e Investigación Operativa e directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), aposta por formar aos estudantes máis alá das aulas e fortalecer os servizos de apoio á docencia e á investigación. Se chega ao cargo creará programas para que siga exercendo o profesorado xubilado.

Rosa Crujeiras, catedrática de Estadística, es una de las cinco candidatas al Rectorado de la USC.

Rosa Crujeiras, catedrática de Estadística, es una de las cinco candidatas al Rectorado de la USC. / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

P. Xunto a María José López Couso foi a primeira en manifestar a súa intención de convertirse en reitora da USC. Por que decide dar este paso?

R. Formo parte dun proxecto colectivo que iniciou xa hai tempo unhas xuntazas para debater e reflexionar sobre a Universidade e ver cales eran os grandes retos do futuro. Nese senso, esta candidatura debe verse como resultado dun intenso traballo, coa implicación de moita xente. Estamos moi satisfeitos co grupo de apoio que se conformou e agradecidos por todas as propostas que prestaron distintos membros da comunidade universitaria.

P. Como definiría ao seu equipo de goberno?

R. É un equipo con capacidade, transversal e cunha importante pluralidade de visións e traxectorias porque considero que só se pode facer universidade deste xeito. A nosa sinal de identidade é avanzar innovando na docencia, na investigación e na transferencia de coñecemento. Hai que apoiar ao noso estudantado na súa formación e ao persoal no desenvolvemento das súas carreiras. Podo dicir que teño ao meu lado xente que é capaz de escoitar e de crear redes arredor deles, polo que para min sería un pracer poder lideralos.

P. Considera que o actual reitor deixa a USC nun bo lugar?

R. Respeto enormemente o compromiso que ten asumido o actual reitor en oito anos de mandato. Hai que poñelo en valor pola época que tocou vivir marcada pola pandemia. Pero é certo que puido observar os desafíos que tivo por diante a universidade e que son urxentes. Temos un reto tecnolóxico que nos ten que facer repensar como abordamos o proceso de ensino- aprendizaxe que vai impactar no modo en que facemos ciencia e que ten que supoñer un mecanismo de cambio, de como nos xestionamos.

P. Cales cre que son os principais retos aos que terá que facer fronte a Universidade nos vindeiros anos?

R. É o momento de avanzar nun novo modelo formativo que sexa capaz de implicar máis ao noso estudantado na institución. Formamos nunha contorna investigadora de primeiro nivel, nunha universidade cun patrimonio histórico e cultural, polo que deberiamos ser capaces de formar aos estudantes máis alá das aulas. Tamén temos que coidar ao noso persoal, acompañando no desenvolvemento de carreiras. Ante o relevo xeracional hai que simplificar a nosa xestión e facilitar o traballo das persoas.

P. Que medidas propoñerá para facer fronte ao reto do relevo xeracional?

R. Hai que planificar con antelación suficiente e tendo en conta as particularidades que podemos ter nos distintos postos que hai que cubrir en todos os colectivos. Toca redeseñar os procesos de captación e formación do noso persoal e prestar especial atención á incorporación e desenvolvemento das carreiras. Nun proceso de relevo xeracional no que estamos hai que coidar a acollida, o acompañamento e a despedida. Pensamos en todos os que entran, pero tamén debemos ter en mente aos que se están encamiñando cara a súa xubilación. Así, deberiamos dotarnos de programas que lle permitan seguir exercendo a súa actividade na Universidade nas mellores condicións para a súa saúde e o seu benestar.

«Son unha persoa con capacidade de organización, observadora e con capacidade analítica. Supoño que iso ven no carné de matemática»

P. Que liñas estratéxicas do seu programa nos podería desvelar?

R. Falaba antes da formación. Temos que redeseñar os nosos modelos formativos. A nosa principal razón de ser é o estudantado, polo que temos que mellorar os servizos de apoio que lle damos tanto no acompañamento pedagóxico como na atención psicolóxica. Por outra banda, hai que fortalecer os servizos de apoio á docencia e á investigación, para que toda a comunidade sinta que o que aporta ten valor. E non menos importane será atender algunhas áreas críticas como son a internacionalización ou a proxección social, ademais de potenciar a identidade do Campus de Lugo.

P. Nestes momentos ve a algunha candidata con máis posibilidades de chegar ao cargo?

R. Síntome moi honrada de compartir este momento con outras catro compañeiras que son unhas excelentes profesionais cunhas traxectorias brillantes e teñen mostrado un enorme compromiso coa Universidade de Santiago. Estamos moi satisfeitos co traballo que levamos feito ata agora, co apoio que estamos recibindo e co proxecto que estamos conformando. Teño un equipo para un proxecto que vai precisar de toda a comunidade universitaria e para min sería un privilexio poder lideralo.

P. Que pode aportar pola súa experiencia como docente e investigadora en matemáticas?

R. Son unha persoa con capacidade de organización, observadora e con capacidade analítica. Supoño que iso ven no carné de matemática. Pola miña formación tiven a ocasión de impartir docencia e colaborar en investigación con persoas de ámbitos moi diferentes como a medicina, a enxeñaría, a economía ou a lingüística. Esas experiencias permítenche ver que os grandes avances na ciencia adoitan vir cando se rompen barreiras, cando somos capaces de sentarnos e buscar unha linguaxe común. Pola miña traxectoria en xestión -secretaria dun instituto de investigación, vicedecana, adxunta a unha vicerreitoría, vicerreitora, cordinadora dun programa de doutoramento e directora dun centro de investigación- colaborei con membros do PTXAS e persoal investigador que atesouran un gran coñecemento. Deles teño aprendido moito.

P. Sería sorprendente que cando se inicie o proceso electoral houbera algún candidato...

R. Que sexamos cinco as mulleres que damos o paso creo que é un momento importante para a Universidade e para as mulleres. Supón romper outro teito de cristal. Ser a primeira reitora sería un privilexio, pero o máis relevante é non ser a última e abrir o camiño.

P. En que aspectos se poñerá a traballar se gaña as eleccións do vindeiro mes de febreiro?

R. Con esta identificación de retos e prioridades temos moi claras as primeiras liñas de actuación e hai algo común a todas elas. Trátase de ser capaces de crear espazos de diálogo e colaboración para que o estudantado, o PDI e o PTXAS poidan aportar o mellor deles. Temos que ser capaces de avanzar innovando, o que implica poñer en marcha cambios que están basados no coñecemento. E ese coñecemento ten que vir de todos os estamentos da Universidade.

Tracking Pixel Contents