Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estudantes de Enfermería perciben micromachismos durante a súa formación clínica

Un estudo presentado na USC resolve que as mulleres son as que máis sofren infantilización, asignación de tarefas inferiores e infravaloración do seu traballo

Xornada no centro de Estudos Avanzados da USC, na cal se presentaron os resultados dun proxecto sobre actitudes de xénero.

Xornada no centro de Estudos Avanzados da USC, na cal se presentaron os resultados dun proxecto sobre actitudes de xénero. / Cedida /USC

L.R.

Santiago

O estudantado de Enfermería das tres universidades públicas galegas afronta de xeito habitual micromachismos e comportamentos sexistas durante a súa formación, en maior medida por parte de homes doentes ou acompañantes e tamén de persoal sanitario. Esta é a principal conclusión que se extrae do proxecto Actitudes de xénero detectadas polo estudantado de Enfermaría nas prácticas clínicas presentado recentemente na USC.

Segundo o estudo, realizado sobre unha mostra de 428 estudantes dos cales o 84 % eran mulleres, son elas as que sofren máis micromachismos, principalmente en forma de infantilización (50% das respostas), asignación de tarefas consideradas inferiores (57,5%) e infravaloración do seu traballo (52,7%).

Ademais, un terzo do estudantado percibe comentarios despectivos cara a súa persoa durante a realización das prácticas clínicas. Eses comentarios ou "bromas" sobre as mulleres ou as súas capacidades son frecuentes e proceden en maior medida de homes que habitualmente son doentes, acompañantes ou persoal sanitario.

Por outra banda, arredor dun 13% asegura sufrir contacto físico non consentido ou recibir insinuacións ou proposicións de carácter íntimo ou sexual, conductas que proveñen fundamentalmente, nun 93% dos casos, de homes doentes ou acompañantes.

O estudantado advirte que habitualmente as situacións de intimidación ou acoso non son presenciadas e por regra xeral comunícanllas ás súas amizades e compañeiras pero non ás persoas responsables das prácticas. Ademais, con independencia de que estas situacións sexan presenciadas ou non, denuncian que non existen consecuencias para quen as propicia.

Finalmente, o estudo recolle que a metade das persoas enquisadas percibiu diferenzas no trato recibido e nas cualificacións obtidas por razóns de sexo, aparencia e orientación sexual, de maneira que se asocia cun mellor trato e mellores cualificacións o xénero masculino, un físico canonicamente atractivo e a orientación sexual heteronormativa.

Os resultados do proxecto, realizado ao abeiro dunha axuda á investigación da USC para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2025, presentáronse nunha xornada divulgativa no centro de Estudos Avanzados da USC na que participaron as persoas autoras e que inaugurou a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Rodríguez Boente.

Tracking Pixel Contents