Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

O Concello de Santiago e a Deputación da Coruña asinan o convenio das obras do estadio Verónica Boquete

A reforma da instalación deportiva suporá un investimento de 1,3 millóns de euros. Tamén se destinan fondos a melloras e actividades nos centros socioculturais

Goretti Sanmartín e Valentín González Formoso, no acto de sinatura dos convenios

Goretti Sanmartín e Valentín González Formoso, no acto de sinatura dos convenios / Cedida

Santiago

O Concello de Santiago e a Deputación da Coruña asinaron onte o convenio para as obras de reforma do estadio Verónica Boquete. A intervención suporá un investimento total de 1.292.790 euros, dos que 850.000 serán achegados pola institución provincial. Goretti Sanmartín e Valentín González Formoso formalizaron un acordo que permitirá acometer melloras estruturais e de mantemento no estadio municipal, destinadas a garantir a seguridade, a modernización e a conservación da infraestrutura.

Sanmartín remarcou que se trata da terceira fase dun proxecto «moi ambicioso» que ten o Concello para esta infraestrutura a medio e longo prazo para afianzar Compostela como «capital do deporte». «Despois de 30 anos, é hora de colocar o estadio na posición que lle corresponde como unha infraestrutura punteira», enfatizou a rexedora municipal. Pola súa banda, o presidente provincial destacou que o convenio «dá cumprimento ao compromiso adquirido coa cidade e co seu club de fútbol».

Centros socioculturais

No mesmo encontro tamén se rubricou un convenio para as obras de construción dunha sala de usos múltiples no centro sociocultural da Rocha Forte. O investimento ascende a case 188.000 euros, dos que a Deputación achegará 114.000, o 60 % do total, e o Concello de Santiago o 40 % restante. Sanmartín destacou que a ampliación deste espazo veciñal permitirá ampliar tamén a actuación dun colectivo que loitou pola posta en valor dos restos da fortaleza e para favorecer que poidan realizar actividades con espazo suficiente para unha asociación moi dinámica e con numeroso público fiel.

Por outra banda, asinaron convenios para financiar actividades nos centros socioculturais, tanto no Ensanche, con 140.000 euros da Deputación, como no rural, cunha achega provincial doutros 75.000 euros. As accións están dirixidas a todos os públicos, con especial atención ás persoas maiores debido ao acusado envellecemento da poboación rural e teñen o obxectivo de combater o illamento, impulsar a vida comunitaria e reducir a fenda dixital.

Tracking Pixel Contents