Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vivenda colaborativa

O ‘cohousing’, máis preto de despegar en Santiago con 30 vivendas: «Parecía un soño, pero é real»

A cooperativa Alvariza mercou un terreo en Roxos e apura trámites para solicitar un cambio de uso do solo e poder comezar a construír

Membros de Alvariza, na parcela adquirida pola cooperativa en Roxos, en Santiago

Membros de Alvariza, na parcela adquirida pola cooperativa en Roxos, en Santiago / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A cooperativa Alvariza conta desde o pasado mes de xuño cunha parcela de máis 3.000 metros cadrados na que desenvolver o seu proxecto de vivenda colaborativa, o primeiro destas características en Santiago. A entidade, formada no 2019, adquiriu un terreo en Roxos, na parroquia de Villestro, e neste momento está realizando os trámites para un cambio de uso do solo a residencial, xa que o que está recoñecido no plan urbanístico é hoteleiro. A voceira da entidade, Carmela Cons, estima que nun prazo de entre tres e catro anos os socios poderían estar residindo nas 30 vivendas que planean construír no que sería o primeiro ‘cohousing’ da cidade.

«Ata antes do verán, non podiamos dicir onde se iba construír, parecía máis un soño ou unha entelequia que algo real. Agora xa podemos dicir onde, podemos ensinar o solar e xa hai prazos estimados de cando poderiamos estar entrando a vivir», declara Cons. A cooperativa iniciou esta semana unha rolda de contactos cos grupos municipais para informalos da solicitude de cambio de uso do solo e pedirlles que voten a favor no pleno cando chegue o momento. Antes da compra, Cons relata que «falamos co departamento de Urbanismo para asegurarnos de que o uso hoteleiro se pode cambiar a residencial e dixeron que non vían ningún problema».

Prazos estimados

O prazo estimado para completar todo o proceso, cos trámites e informes preceptivos, calcúlase nun ano e Alvariza cre que a construción precisaría outros dous. «Unha vez teñamos o cambio do solo, a nosa idea é presentar a solicitude de tal forma que a autorización para construír xa sería case automática, porque os requisitos necesarios para poder tramitar esa autorización estarían incluídos», afirma Cons.

Co obxectivo de axilizar o proceso todo o posible, a entidade xa comezou a traballar no proxecto arquitectónico e no plan de viabilidade económica. «Van ser un ou dous edificios, iso está por decidir», sinala Carmela Cons, tendo en conta que nesta zona «as alturas están limitadas, ten que ser un baixo, unha primeira planta e un baixo cuberta». Deste xeito, a distribución prevista é «ter na planta baixa os espazos comúns, que esperamos que sexan bastante amplos, e na primeira planta as vivendas».

Vivenda protexida

A voceira explica tamén que desas 30 vivendas, un 30% serán de protección autonómica, un requisito para que se poida conceder a modificación de uso do solo a residencial, pero por outro lado, «son intereses que coincidiron moi ben, porque esas vivendas van permitir que persoas con menos capital inicial poidan acceder a elas». A cooperativa ve aquí unha oportunidade de contar con xente nova, «persoas que están demandando a súa primeira vivenda e que teñen máis dificultades», xa que o seu é un proxecto interxeracional.

Ademais, Cons subliña que «estamos buscando socios novos porque non temos o grupo completo aínda», un aspecto tamén relevante á hora de asinar o financiamento. Fronte ás fórmulas tradicionais, o modelo do ‘cohousing’ implica que a cooperativa é a propietaria, de maneira que os socios achegan o capital inicial e dispoñen das vivendas en réxime de cesión de uso.

Tracking Pixel Contents