Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | María José López Couso Catedrática de Filoloxía Inglesa e actual vicerreitora de Titulacións e Internacionalización

«A miña proposta de goberno non busca repetir a xestión de Antonio López»

María José López Couso (Pontevedra, 1963), activa na xestión universitaria ao ocupar cargos como o de decana e vicedecana de Filoloxía, cre que os principais desafíos da institución académica son o relevo xeracional, o descenso demográfico que repercutirá á hora de captar estudantado e o impacto da IA na docencia e na investigación

María José López Couso, candidata a reitora da USC

María José López Couso, candidata a reitora da USC / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

Decide dar o paso de presentar a súa candidatura para converterse en reitora da USC sendo na actualidade vicerreitora de Titulacións e Internacionalización. Por que toma esta decisión?

O principal motivo foi o meu compromiso institucional coa USC que se materializou nos distintos postos de xestión que desempeñei ao longo da miña traxectoria como decana, videcena e vicerreitora e que me pemiten contar cun coñecemento profundo da nosa Universidade. Estou convencida de que esa bagaxe de actividade intensa, sumada ao entusiasmo e á ilusión das persoas que me acompañan na candidatura e coa colaboración de toda a comunidade universitaria, podería seguir contribuíndo a esa USC forte, respectada e recoñecida a nivel estatal e internacional. Falamos dunha USC que coida do benestar do seu estudantado, do PDI e PTXAS e unha universidade que desenvolve da mellor maneira posible as súas funcións de docencia, investigación, transferencia de coñecemento e difusión da cultura. Todo isto lévame a presentar a candidatura.

Como foi a relación con Antonio López durante estes anos?

Coñezo a Antonio López dende hai moito tempo. Colaborei con el dende 2014 cando presentou a súa primeira candidatura para liderar a USC e convidoume no seu momento a integrarme no seu equipo no 2018. Non teño máis que agradecerlle que me brindara esa posibilidade, xa que me permitiu aprender moito durante estes seis últimos anos. Tamén aprendín do Persoal Técnico de Xestión e de Administración e Servizos co que tiven a honra de traballar. Foron persoas que mostraron sempre unha actitude colaborativa. Ademais, dende a vicerreitoría puiden complementar ese coñecemento da Universidade dende un nivel de responsabilidade diferente ao dos postos que ocupara ata ese momento no ámbito da xestión.

Moitos poderían falar de continuismo... Por que cre que deberían darlle o voto?

Como lingüista que son sei ben que a palabra continuismo ten unha clara connotación negativa. Emprégase con moita frecuencia como sinónimo de inmobilismo, conservadurismo ou reacción ao cambio. Prefiro falar de continuidade, que é un termo positivo e que implica poder manter, dar estabilidade e profundar en liñas de acción que demostraron ser exitosas. Nese sentido, a miña candidatura busca darlle continuidade ás políticas que demostraron ser efectivas nos últimos anos, coa mirada posta nas necesidades potenciais de transformación. Así, a miña proposta de goberno para os vindeiros seis anos non busca repetir a xestión de Antonio López. Trátase de levar a cabo unha xestión colaborativa cun estilo persoal e propio; seguir construíndo sobre os logros acadados polo equipo de goberno actual e que son valorados de xeito moi positivo pola comunidade universitaria. Tamén teño a experiencia para ser capaz de poñer en marcha novas propostas como a revisión da estrutura xerencial cara a unha xerencia da USC de carácter máis técnico.

Foi complexo formar o equipo?

Como todo proceso de construción de equipos foi esixente, pero tamén moi enriquecedor. Pola miña experiencia previa sei que non se trata só de sumar, senón de incorporar aquelas persoas que con traxectorias diferentes poidan achegar opinións e miradas complementarias que representan a diversidade da USC. Ao mesmo tempo deben ser persoas que compartan unha mesma visión e compromiso coa institución. O resultado é un equipo diverso, inclusivo, de altísimo compromiso institucional e solvente.

Cales van ser as principais liñas de actuación do seu proxecto?

A nosa candidatura xorde dun traballo colaborativo dun conxunto de persoas que pertencen a distintos colectivos, de distintas idades, distintas áreas de especialización e distintos niveis de responsabilidade. Estamos traballando na elaboración dun programa que definiría como ambicioso e ao mesmo tempo realista. Nel recóllense achegas de toda a comunidade universitaria que permiten deseñar accións concretas para cada unha das liñas de actuación. Unha desas liñas céntrase en conformar unha USC máis participativa especialmente no caso do estudantado e tamén queremos poñer o foco no benestar da comunidade universitaria. Outra das liñas vai na intención de aproveitar a enorme potencialidade do Campus de Lugo para continuar co incremento significativo destes últimos anos na cifra de captación de estudantado e novas titulacións. Tamén hai que avanzar no proceso de internacionalización e no compromiso social como manifestación palpable do papel transformador da USC na sociedade. Ademais, buscaremos unha xerencia da USC de carácter máis técnico.

En que se pode avanzar no tema das titulacións e da internacionalización?

A nivel de titulacións oficiais hai que promover un proceso continuo de actualización e adaptación ás novas necesidades formativas do noso estudantado, así como ás novas titulacións. A maiores, temos que avanzar na oferta formativa non oficial, formación ao longo da vida, o que se coñece como microcredenciais universitarias. No ámbito da internacionalización hai aspectos nos que continuar avanzando polos cambios na globalización. Así hai que conseguir a integración de toda a comunidade universitaria na alianza Euniwell, a Universidade Europea para o Benestar, incrementar a nosa capacidade de atracción de estudantado estranxeiro e avanzar cara a unha internacionalización máis inclusiva que chegue a todo o mundo.

Que valoración faría das outras catro candidatas?

Son persoas cunha contrastada traxectoria nos seus respectivos ámbitos. O feito de que haxa cinco mulleres dispostas a dar un paso á fronte para dirixir á USC nos vindeiros seis anos creo que fala moi ben do compromiso das persoas que conformamos esta Universidade.

Cal é o principal reto para a USCnos vindeiros anos?

Primeiro está o reto do descenso demográfico en Galicia e as implicacións que vai ter para a captación de estudantado. Súmase o relevo xeracional no PDI e PTXAS e a chegada da intelixencia artificial e o seu impacto na docencia e na investigación. Tamén debemos ser garantes dunha Universidade pública de calidade que funcione como un verdadeiro ascensor social e que asegure que a ciencia, a cultura e o progreso son dereitos de todos e de todas e non privilexios.

Este luns 10 de novembro convocáronse as eleccións ao reitorado para o 12 de febreiro. Xa hai nervios?

Nervios non. Son consciente da responsabilidade que temos por diante á hora de dirixir a USC e de ser a primeira muller reitora en máis de 500 anos de historia. Afronto este período que imos ter por diante con moita ilusión, moita enerxía e moitas ganas de seguir traballando a prol da nosa Universidade.

Tracking Pixel Contents