Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Formación da USC para emprendedores: como se crea unha plataforma dixital?

Pensado para proxectos que prioricen a figura cooperativa, ofreceranse mentorías con prácticas

A inscrición estará aberta ata o 5 de decembro

Unha persoa traballa dende o seu ordenador.

Unha persoa traballa dende o seu ordenador. / Gustavo Valiente / E.P.

L.R.

Santiago

Prestar axuda a persoas emprendedoras no desenvolvemento de plataformas dixitais. Ese é o obxectivo dun programa de mentorías gratuíto que lanza a Universidade de Santiago. A convocatoria está dirixida a quen queira crear a súa propia plataforma. Dende a institución compostelá poñen como exemplo xestionar compras compartidas ou produción a demanda, free tours, actividades deportivas ou aulas particulares, entre outros. As plataformas poden ser concebidas como novas liñas de negocio ou como novos proxectos empresariais e priorizarase a figura cooperativa.

O programa ofrece mentorización especializada e formación práctica, en modalidade virtual e presencial. As mentorías serán personalizadas e a formación abrangue as fases iniciais de selección e traballo coas ideas de plataformas dixitais, a definición do modelo de negocio e a capacitación do equipo, xunto coas fases máis técnicas enfocadas no desenvolvemento da plataforma, así como a definición dun plan comercial e de captación de persoas usuarias, co obxectivo de acurtar tempos de saída ao mercado e consolidar o proxecto.

Periodo de inscrición aberto ata o 5 de decembro

inscrición permanecerá aberta ata o venres 5 de decembro. As persoas interesadas tamén poderán solicitar información a través do teléfono 687 333 709 e do correo usc@es-factory.eu. Tamén poderán seguir as novidades a través de @economia_social_usc.

Esta actuación desenvólvese no marco de ES-Factory (Interreg España–Portugal), un proxecto de cooperación interrexional para impulsar emprego de calidade e promover a economía social na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. O partenariado está composto pola Xunta de Galicia, USC, AGACA, EspazoCoop, UTAD, InCubo e TecMinho, e conta con AESGAL como socio sen financiamento.

Tracking Pixel Contents