Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

O persoal dos centros socioculturais de Santiago alerta de que o servizo irá a peor

Os traballadores denuncian que continúan os atrasos no pago das nóminas: «Ata febreiro aquí non vai haber empresas novas, é insostible esta situación outros catro meses», advirten

Actividade no centro sociocultural de Conxo, en Santiago

Actividade no centro sociocultural de Conxo, en Santiago / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A publicación dos pregos para buscar novas empresas que se fagan cargo dos centros socioculturais o pasado mes de outubro foi un alivio para os traballadores, pero ata que remate o proceso manteranse á fronte as actuais concesionarias. A que máis persoal ten ao seu cargo é Serviplus, que arrastra atrasos nos pagos das nóminas ao longo do último ano. A delegada da CIG, Carme Iglesias, relata que está ocorrendo de novo, xa que aínda non lles ingresaron os salarios de outubro. Neste contexto, augura un empeoramento do servizo nos próximos meses, tendo en conta os problemas da empresa para cubrir vacantes.

Os usuarios da rede de centros están trasladando queixas pola cancelación de actividades debido á falta de persoal. Iglesias indica que os impagos aos traballadores fan que «a xente pida baixas e non encontran reposto a esas persoas, porque se non pagan ninguén quere cubrir eses postos». A voceira sindical engade que «se non pagan, vai ser moitísimo peor» porque «a ninguén lle interesa coller unha vacante boa sen cobrar». Así, valora que «están dándolle a máxima prioridade, pero ata febreiro mínimo aquí non hai empresas novas, é insostible esta situación outros catro meses».

Orde de continuidade

Serviplus mantense á fronte das áreas de animación e novas tecnoloxías a través dunha orde de continuidade emitida por Raxoi, xa que a última prórroga do contrato rematou o 31 de outubro e a firma «non quixo aceptar outra prórroga», relata Iglesias. Ademais, o Concello «tentou un plan B para mellorar as condicións dos traballadores cunha empresa ponte, pero non puido ser».

Chegados a este punto, Iglesias considera que o goberno local «está empezando a facer o que debería ter feito xa hai un ano, que é reter facturas cando non están pagando as nóminas con elas, aplicando as sancións e as penalidades que aparecen nos pregos». Deste xeito, explica que iso foi o que aconteceu en setembro «ata que confirmaron que ían pagar». A delegada da CIG tamén teme que os impagos se prolonguen porque «ata setembro estaba o persoal ao 30 % e había problemas para cobrar, non quero pensar estando ao 100 % os que pode haber».

Por todo isto, mentres barallan diferentes posibilidades e á espera de manter xuntanzas coa empresa e entre os propios traballadores esta semana, o persoal está nunha situación «incerta». «Sabemos que a empresa non vai marchar, pero neste punto case nos interesaría que marchara, porque hai moita xente que necesita cobrar o seu salario simplemente para ir traballar», destaca Iglesias.

Novos pregos

Respecto dos pregos que rexerán a prestación do servizo nos próximos anos, Iglesias cre que «están moito mellor» que os actuais porque «corrixen a gran maioría das cousas que nós lle pedimos no seu día». Sobre todo fai fincapé no aspecto económico, onde «tiveron coidado de que realmente a contía responda ás condicións laborais para que as empresas despois non se encontren con situacións de non poder afrontar eses gastos». Nesa liña, solicitaron algunhas aclaracións co propósito de que o Concello «sexa o máis claro e transparente posible para que as empresas que se presenten poidan ver cal é a situación real do servizo».

Tracking Pixel Contents