Conflicto dos Bombeiros: Raxoi dispón 2,1 millóns para solventar a débeda das horas extra e sacará nove novas prazas
A alcaldesa responde ao PP que pide a súa dimisión e a acusa de non terse achegado á vivenda incendiada na Pontepedriña

Os bombeiros de Santiago manteñen un conflito laboral co Concello polas horas extras que se lles deben / Jesús Prieto

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, comparecía este luns en rolda de prensa para dar conta do estado das negociacións cos bombeiros de Santiago e anunciar que este martes se reúne a comisión informativa para estudar e "habilitar o pagamento das horas extraordinarias". Un pagamento que ascende a 2.172.487 euros.
Solventarase así a débeda do Concello correspondente ás horas extra realizadas polos bombeiros entre novembro de 2024 e maio de 2025, "incluíndo as subas salariais que se produciron neste tempo". Ademais, Raxoi tamén gratificará os días festivos traballados entre xaneiro e setembro deste ano. Anunciou tamén a data do pleno extraordinario para aprobar este pagamento, que vai ser o venres 21 de novembro ás 13 horas.
A rexedora asegura que dende o goberno local se está a estudar "a repercusión económica" das demandas dos bombeiros nas arcas municipais, así coma "o seu encaixe xurídico" e conta con reunirse cos interlocutores do Parque Municipal de Bombeiros de Santiago "a finais desta semana ou comezos da seguinte para sentar as bases dun acordo" ante unha situación que asegura "preocupa" ao seu equipo de goberno.
"A situación é preocupante e este goberno fixo un esforzo claro dende o primeiro momento por resolver un conflito que ten anos e que ten que ver coas políticas de gasto público estatal", afirmou Sanmartín en referencia ás limitacións da taxa de reposición "que este goberno levou ao máximo", que permite a lexislación.
Reforzo de efectivos de bombeiros e policías locais
A alcaldesa Goretti Sanmartín explicou que dende Raxoi se está a traballar no reforzo dos cadros de persoal tanto de bombeiros coma de Policía Local. "Acaban de incorporarse nove policías e incorporaranse seis máis durante este mes e 15 nos meses seguintes", confirmou a rexedora.
En canto ao Corpo de Bombeiros, Sanmartín anunciou a incorporación "inmediata" de tres prazas da OPE (Oferta Pública de Emprego) de 2023 "e dunha baixa de longa duración" máis nove bombeiros máis correspondentes á OPE de 2025 ademais de estudaren "opcións excepcionais que permitan superar a taxa de reposición".
Incendio nun edificio de vivendas na Pontepedriña
Na súa intervención diante da prensa, a alcaldesa de Santiago referiuse ao incendio que este sábado afectou un edificio de vivendas na Pontepedriña, cun cadro de bombeiros de tan só catro efectivos. "En primeiro lugar quero recoñecer o labor dos bombeiros e da Policía Local e mais a solidariedade da veciñanza, en particular do propietario do Albergue La Estación", que puxo a disposición dos residentes do inmoble, que non podían acceder ás súas vivendas, as instalacións do seu local.
Segundo explicou Sanmartín, na quenda do sábado estaban dispostos oito efectivos, mais dous causaron baixa (un deles en días previos) e outros dous estaban de libranza, co que só puideron atender esta incidencia catro efectivos e solicitouse a colaboración dos bombeiros de Brión e de Ordes (destes últimos, finalmente, non foi necesaria a intervención).
A rexedora fixo un repaso do acontecido na mañá do pasado sábado, comenzando por comunicar o tempo de chegada dos bombeiros unha vez recibido o aviso, "sete minutos". Segundo as explicacións que o Corpo de Bombeiros compartiu coa alcaldesa "o lume orixinouse no primeiro andar" e ao quedar a porta aberta ao evacuaren os residentes "a escaleira fixo un efecto cheminea" que levou o fume ao resto fo edificio, do que tiveron que ser rescatados os habitantes do cuarto piso. Sanmartín matizou que pese a estar disposta a escada exterior dos bombeiros, os residentes foron evacuados pola escaleira interior do edificio nunha intervención "que respondeu por completo ao protocolo que deben seguir os bombeiros".
A alcaldesa responde a un PP "obsesionado con tumbar este goberno"
Dende que o cadro de persoal está baixo mínimos por este conflito laboral hai arredor dun mes, os grupos da oposición instaron o goberno bipartito a resolver a cuestión o antes posible, pero nesta fin de semana, co incendio en Pontepedriña e unha cifra de efectivos de tan só catro bombeiros cando deberían ser entre nove e 12, provocou un cruce de reproches entre o líder da oposición, o popular Borja Verea, e a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín. Verea, ademais de pedir a dimisión da rexedora retábaa a pagar as horas extra dos bombeiros co diñeiro que se destina a persoal eventual (asesores).
"É o momento de facer unha reflexión sobre a posición pública do PP", comentaba na rolda de prensa Goretti Sanmartín, "durante todo o mandato está a facer un discurso alarmista sobre a seguridade da cidade, sen reparo en contradicir cifras oficiais e mesturando a negociación salarial de bombeiros e policía local con persoal eventual". A alcaldesa criticoulle ao PP que falase coma "se non existise taxa de reposición" e manifestou que considera que a formación popular ten "obsesión por tumbar este goberno custe o que custe".
"O PP ten obsesión por tumbar este goberno custe o que custe"
Sanmartín non deixou de remarcar que a preocupación do PP sobre o parque de bombeiros municipal se contradí co "despedimento dun milleiro de bombeiros forestais" por parte da Xunta, "logo dun verán de vaga de lumes" coma o que acabamos de pasar. A alcaldesa insistiu que pese á situación deste servizo en Santiago "non se está deixando de atender ningún servizo esencial" e díxolle ao Partido Popular que "é o hora de deixar actitudes alarmistas e ter máis altura de miras".
Sobre o comunicado de prensa enviado polo concelleiro popular José Ramón de la Fuente poucos minutos antes da comparecencia da alcaldesa, onde denunciaba que a cidadanía non sabía "onde estivo a alcaldesa" durante o incendio de Pontepedriña e a instaba a dar explicacións. "O PP está interesado en enlamar", asegura Sanmartín, "cun discurso fóra de sentido e sen unha argumentación sólida". Sanmartín explicou que, "por un compromiso familiar" na primeira hora do incidente non estivo presente, pero si estivo o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, e que ela retornou a Compostela en canto tivo noticia do suceso. "Hai veciños que poden confirmar que eu estiven na Pontepedriña".
"Hai veciños que poden confirmar que eu estiven na Pontepedriña"
A rexedora acusou o PP local de "trasladar a crispación doutros lugares do Estado por comportamentos do Partido Popular" a Santiago e puntualizou que os bombeiros agradeceron a súa actitude e o feito de acudir cando se producía un incidente. Para a alcaldesa, as palabras do PP emanan "dunha obsesión terrible por tumbar este goberno" e instou os concelleiros populares que tamén son deputados a "defender os intereses de Santiago" no Parlamento de Galicia.
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas