Reabre Aenea, libros e conciencia social para seguir facendo barrio
Iria Beiroa e Roi Rivera inician na libraría da rúa Irmáns Alvite un plan para a «vella zona nova»

Roi Rivera e Iria Beiroa na libraría Aenea / Antonio Hernández

A finais de agosto deste ano remataba na rúa Irmáns Alvite unha etapa da libraría Aenea. A daquela xerente da mesma, Lola Puerta, explicaba a este diario que desexaba «que a libraría poida seguir aberta e ofrecendo todo o que ten, que é moito e valioso, a quen a ela se achega». Iria Beiroa e Roi Rivera recolleron nese momento o relevo, «unha idea coa que levamos un tempo na cabeza, abrir unha libraría», explica Roi Rivera en conversa con EL CORREO para aclarar que decidírense «foi bastante rápido, porque estas cousas se se pensan moito non se fan».
E esa idea de libraría que «ofrece todo o que ten» mantense intacta no proxecto que o pasado 8 de novembro inauguraban Beiroa e Rivera, dous picheleiros que agora emprenden este negocio. «Queremos ter unha libraría aberta ao barrio, como tamén tiña Lola. Aberta á participación da veciñanza, a que fagan actividades».
Unhas actividades que se poden desenvolver no segundo espazo do local, ao fondo do que é a libraría, e no que agora se amosan carteis de Alouette Machine: «Unhas colegas que decidiron apostar por un proxecto de vida que tiña que ver coa nosa óptica, con iso de que outro mundo é posible e de que ás veces hai que saír da norma do capitalismo», explica Beiroa. «Estas compañeiras apostaron por traballar nunha imprenta de vello, con tipos móbiles, un proxecto chulérrimo. Fan cartelaría social, con tipos clásicos, con mensaxe».
Beiroa e Rivera recalcan a súa disposición a ceder o espazo para diferentes actividades, exposicións, obradoiros... «Estamos dispostos a ceder o espazo a outras actividades, agora mesmo xa llo cedemos a unha persoa que dá clases de Chi Kung e arquitectura corporal e estamos abertas a que tamén máis persoas poidan usar o espazo, vir expoñer ou realizadar actividades de teatro, poesía...». E Iria Beiroa, ex estudante da Escola Mestre Mateo, non dubida en lanzar un convite: «Tendo aquí a Escola Mestre Mateo, o alumnado que crea que ten algo que contar ou expoñer, que sinta que tamén este é o seu espazo».
Libro político e sudamericano
O proxecto de Beiroa e Rivera garda en común co de Puerta a querenza por contribuír a potenciar o espírito do barrio, pero en canto ao contido literario a Aenea que queren ofrecerlle a Compostela non é a mesma. «Co proxecto de Lola pouco ten que ver», conta Beiroa, «botabamos de menos, como asiduas lectoras, outro tipo de libros que nas librarías de Compostela non é doado atopar, coma o libro político ou radical, tamén a novela de América do Sur, que aquí era complicado conseguir».
Así e todo, na libraría –que por consello doutros libreiros vai ter pouco exemplar en almacén e funcionar máis a pedido– vaise manter algunha da literatura da anterior etapa –de 25 anos de historia–, coma a literatura infantil e «todo o tema da horta e a ecoloxía». E tamén o libro en galego.
‘Emprender’ e descubrir
A pesar de levar tempo coa idea da libraría na cabeza, Iria e Roi só coñecían «dende fóra» o mundo das editoras e das distribuidoras. Sobre a marcha «imos aprendendo» e non aforran louvanzas ao apoio que reciben do sector. «Temos moi pouco que obxectar a editoriais coma Irmás Cartoné, Positivas... que tamén nos están botando unha man incrible», di Beiroa en canto á posibilidade de ter os libros en depósito, algo que tamén se lles ofrecen dende as distribuidoras de libro político e radical. «Tivemos sorte porque eu xa viña das militancias e coñecía algunhas distribuidoras», matiza Iria Beiroa, «e foi doado traballar con elas, tamén nos botan un cabo con libros en depósito, que nos fai moito favor».
As mesmas palabras de agradecemento téñenas para outras librarías de Compostela, coma Komic ou Lila de Lilith, «todo o mundo se está portando moi ben e nos responde a todas as preguntas de novatas que temos», aseguran. Un «portarse ben» con Aenea que fan extensivo á veciñanza deste barrio da «vella zona nova» que se achega á libraría, a mercar ou saudar ou propoñer actividades, «que é o que queremos, que a veciñanza sinta este espazo como seu porque acreditamos noutra forma de facer as cousas, en que outro mundo é posible e ás veces hai que saír da norma do capitalismo», afirman coa clara convicción de que con este proxecto propio co que «non queremos facernos millonarios» poderán potenciar o barrio e chegar sendo libreiros ao momento da xubilación, como tamén puido facer a antiga dona, Lola Puerta.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago