Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ampliación do IES Lamas de Abade: construiranse nove aulas en resposta ao «crecemento do barrio»

As obras comezarán no vindeiro mes de abril e prolongaranse durante dez meses

O director do centro informa de que non hai espazo para os 1.100 alumnos deste curso

Presentación este martes das obras de ampliación do IES Lamas de Abade.

Presentación este martes das obras de ampliación do IES Lamas de Abade. / Xunta de Galicia

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago de Compostela

Co obxectivo de dotar ao IES Lamas de Abade de máis e mellores espazos, xa que leva varios anos estirando os espazos do edificio para acoller a todo o alumnado ante o incremento da matrícula, levaranse a cabo unhas obras de ampliación do centro. Iso permitirá crear seis novas aulas ordinarias e outras tres para desdobres.

As obras foron presentadas este martes polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita ao instituto compostelán na que estivo acompañado do director José Besada; Efren Miota, arquitecto proxectista da obra, e outros membros do equipo directivo.

A intervención, que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, licitarase antes de que remate este ano con cargo aos novos Orzamentos. Está prevista que comece a finais de abril de 2026 e prolongarase durante 10 meses, polo que estaría finalizada a principios de 2027.

A obra executarase engadindo un andar máis sobre a parte sur do edificio actual, polo que os tres corpos que compoñen o instituto quedarán coa mesma altura. A zona de nova construción estará illada polo exterior con sistema SATE e contará con carpintería de aluminio anodizado.

Organizarase arredor dun corredor central, ao longo do que se distribuirán as oito novas aulas e a saída de emerxencia, conectada cunha nova escaleira exterior na fachada sur, de uso exclusivo en caso de incendio, un ámbito no que tamén se realizarán melloras.

O director do centro, José Besada: «É unha demanda de hai moito tempo»

O director do Lamas de Abade destacou que a falta de espazo «é unha demanda de hai moito tempo». Besada falou do aumento da matrícula indicando que nos tres primeiros cursos de ESO e en primeiro de bacharelato, o centro pasou de dúas liñas a tres, e para o próximo curso «é posible que creza unha liña máis en cuarto de ESOe en segundo de bacharelato». Este curso son 1.100 estudantes.

Besada relacionou este aumento co crecemento do barrio. «A maioría das grúas que hai en Santiago están aquí. O barrio ten moita xente nova», manifestou.

Tamén destacou que lles gustaría ofertar novos ciclos como o de Radioloxía. «É moi demandadado pero aquí non o ofertamos porque non hai espazo», reiterou.

Las obras de ampliación del centro son una vieja demanda del IES Lamas de Abade

Las obras de ampliación del centro son una vieja demanda del IES Lamas de Abade / Xunta de Galicia

Outras obras en centros de Santiago

A intervención no instituto Lamas de Abade forma parte do paquete de 16 obras de mellora en centros educativos para o ano 2026 que a Consellería de Educación vai licitar, por anticipado de gasto, antes de que remate o ano por un importe total de máis de 16 millóns de euros. En Santiago, ademais da ampliación do Lamas de Abade, acometerase o cambio de cuberta do instituto Rosalía de Castro, cun orzamento de case 700.000 euros.

Estas actuacións elevan a máis de 12 millóns o investimento en obras en centros da Consellería na capital galega. Neste momento están en execución catro actuacións por case catro millóns. Trátase da ampliación do IES Eduardo Pondal (3 millóns de euros), a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (500.000 euros) e o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 euros). Ademais, está xa adxudicada a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 millóns de euros).

El conselleiro, Román Rodríguez, conversando con alumnos del centro este martes

El conselleiro, Román Rodríguez, conversando con alumnos del centro este martes / Xunta de Galicia

Tracking Pixel Contents