Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

A USC premia a Concepción Losada: "Falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva"

A profesora recolleu o Premio Luís Porteiro Garea pola súa traxectoria a prol da lingua galega

Entrega da VII edición do Premio Luis Portero Garea á Concepción Losada

Roi Prieto Maceira

Santiago

Concepción Losada Vázquez recolleu este martes o Premio Luís Porteiro Garea de mans do reitor da USC, Antonio López, pola súa traxectoria a prol da normalización da lingua propia da Universidade compostelá. A profesora da área de Psicobioloxía destacou no seu discurso de agradecemento que “falar galego non debe ser unha carga senón unha vantaxe competitiva” e salientou que “é unha honra para min recibir un premio que recoñece unha contribución á promoción e ao emprego da lingua galega, un elemento esencial da miña cultura a quen debo o que son e o país no que vivo”.

Uso do galego na docencia

Na súa intervención, o reitor Antonio López lembrou “o compromiso global” da profesora Losada co galego, un compromiso que abrangue ámbitos tan dispares como a docencia, o teatro ou a promoción do traxe. O reitor puxo o foco en que un acto como a entrega do Porteiro Garea cumpre unha tripla función: por unha banda, recordar a pegada do que fora profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia; en segundo lugar, poñer en valor a figura de persoas que dende a Universidade traballaron e traballan a prol da lingua; e finalmente reflexionar sobre “o que fixemos e cara a onde nos diriximos” na normalización do galego.

Unha persoa que "fai máis grande Compostela"

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, gabou a Concepción Losada coma “unha das persoas que, cada día, fan máis grande Compostela”, razón pola cal recibiu tamén a Alba de Gloria. A rexedora lembrou que Concha Losada é a primeira muller en se poñer á fronte do Museo do Pobo Galego e afondou tamén á súa faceta de profesora da Área de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC e á súa contribución na defensa da lingua desde o ámbito académico. "Persoas como Concha Losada son un exemplo no que se reflectir", afirmou.

Fallo do xurado

O xurado acordou de forma unánime conceder o premio á profesora Losada destacando “a súa ampla traxectoria na promoción do idioma e na galeguización de ámbitos e actividades da USC”. Ademais de “ser un exemplo do uso da lingua para as promocións de profesorado e estudantado mais novos, foi a primeira presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da USC”. O ditame lido por Manuel Núñez Singala valora “o seu destacado papel no estudo e difusión da cultura galega”.

Tracking Pixel Contents