Tres proxectos de investigación biomédica con selo USC recibirán preto dun millón de euros
Miguel López, José Manuel Brea e Eduardo Domínguez, do CiMUS, participan en proxectos incluídos na convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación "la Caixa"

Investigadores nun laboratorio da Universidade de Santiago. / Antonio Hernández
L.R.
Tres proxectos de investigación biomédica punteira con selo Universidade de Santiago recibirán preto de tres millóns de euros da Fundación "la Caixa". Estes, xunto a outros 31, foron seleccionados na edición 2025 da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación ”La Caixa” e foron dotados con ata un millón de euros cada un. Están liderados por 25 centros de investigación, universidades e hospitais españois, e 9 portugueses.
O catedrático da USC e investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Miguel López liderará un proxecto para combater a caquexia cancerosa. Realizado en consorcio con Joan Seoane do Vall d’Hebron Instituto de Oncología (VHIO), o proxecto recibirá unha subvención de 999.300 euros.
Pola súa parte, Maria J. Macias lidera no Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona (IRB Barcelona), un proxecto consorciado con José Manuel Brea Floriani, tamén do CiMUS da USC, e a Asociación Síndrome de Myhre España que busca novos tratamentos para unha enfermidade rara, a síndrome de Myhre. O proxecto recibe 771.800 euros.
Desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Eduardo Domínguez, tamén investigador do CiMUS, colabora cun proxecto liderado por Alejandro Vaquero, do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreiras. O proxecto, premiado con 989.800 euros, investiga a maneira de restaurar a función protectora da proteína PAX5 e evitar ou reverter a progresión da leucemia linfoblástica aguda de células B, o cancro máis frecuente na poboación infantil.
Máis de 700 propostas de investigación básica, clínica e traslacional
A convocatoria, á que se presentaron nesta oitava edición 714 propostas de investigación básica, clínica e traslacional, está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde en varios ámbitos: neurociencias, enfermidades cardiovasculares e metabólicas, oncoloxía, enfermidades infecciosas e tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos. A convocatoria, que destina este ano 26 millóns de euros a investigacións biomédicas de excelencia, concede ata 500.000 euros a proxectos cunha soa institución de investigación implicada e ata un millón para consorcios de investigación formados por varias institucións. Nesta edición, os proxectos en consorcio contan coa colaboración de grupos de investigación de sete países.
Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación ”la Caixa” foi de 172,3 millóns de euros para 234 proxectos, dos cales 162 están liderados por equipos españois, e 72, por grupos de investigación de Portugal. Na actualidade esta é unha das convocatorias de investigación en biomedicina e saúde de referencia na península ibérica.
- Santiago tendrá vuelo directo a Cork: Aer Lingus operará dos frecuencias semanales a partir del año que viene
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- Natalia Dicenta, de vuelta en Santiago: «Tuvimos casa en Galicia y para Lola y para mí, esta tierra es muy querida»
- El aeropuerto de Santiago agudiza su crisis tras la salida de Ryanair: 2.600 viajeros menos al día
- Fallece Francisco Barreiro, el doctor que impulsó la Cirugía Mayor Ambulatoria en el CHUS
- Segundo día de huelga de buses en Santiago: los piquetes permiten salir a los urbanos que llegan al Hospital Clínico y al de Conxo
- Pesar por la muerte de Ramón Martínez-Rumbo, exdirector de Neurocirugía del CHUS y pionero en cirugía del Párkinson
- ¿Cómo era Santiago hace 50 años? Así es la ruta que revela cómo cambió la ciudad el año que murió Franco