Os bombeiros de Santiago cobrarán as extras co apoio dun PP que tacha a alcaldesa de «neglixente»
O pago das gratificacións contou cos votos a favor de BNG, CA e PSOE e coas abstencións de non adscritos e populares, cuxo líder, Borja Verea, defendeu a relevancia da súa concesión: «Que pasaría se votásemos en contra?»

Pleno extraordinario deste venres, no Pazo de Raxoi / CONCELLO

O pleno extraordinario celebrado este venres no Pazo de Raxoi deulle luz verde ao levantamento do reparo que suspendía o pagamento das gratificacións –horas extraordinarias– e festividades dos servizos de Policía Local e Bombeiros e que se cifra en 2.172.487 euros correspondentes ao que se debía dende novembro de 2024 até maio de 2025, e ás festas –que inclúen festivos, sábados e domingos– dos meses de xaneiro a setembro deste ano.
Pese a que se aprobou o levantamento do reparo o ton do pleno foi bronco e toda a oposición tachou de «neglixente» a acción do goberno local pola demora «dun ano» no pagamento das horas extraordinarias ao servizo de extinción de incendios, que nas últimas semanas tomaron a decisión de non realizaren máis, o que deixa o Parque de Bombeiros de Santiago cun mínimo número de efectivos, que no día de celebración do pleno era de tan só catro.
«O atraso non se produciu por desleixo, é unha eiva herdada de antes deste goberno»
A aprobación saíu adiante cos votos a favor de BNG e Compostela Aberta e do grupo municipal socialista e coas abstencións dos edís non adscritos e do Partido Popular. O líder deste último grupo, Borja Verea, non dubidou en sinalarlle á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que ante a previsible abstención dos non adscritos –emanada da primeira intervención do concelleiro Gonzalo Muíños– a súa formación podería bloquear a medida. «Que pasaría se nós votásemos en contra?», dixo o voceiro popular ao tempo que lle afeaba á rexedora que «nin sequera trae os apoios dos que a fixeron alcaldesa».
«[O de Pontepedriña] puido ser unha catástrofe. Marche Sanmartín, isto non dá para máis»
«Depende de nós», recalcou Verea e puxo enriba da mesa o «dilema» da súa formación á hora de votar en contra ou absterse, porque isto último implicaba «branquear a súa neglixencia». Un branqueamento que finalmente se produciu polo «respecto» do Partido Popular aos traballadores de Policía Local e Extinción de Incendios, un respecto no que coincidiron o resto de formacións políticas con representación en Raxoi.
Tamén os edís non adscritos, cuxo voceiro, Gonzalo Muíños, quixo agradecer na súa intervención inicial «a profesionalidade e vocación de servizo público» dos bombeiros. Un servizo público que ve ausente no equipo de goberno, «o único que deu a cara foi o concelleiro Xan Duro (edil de Convivencia)» e aproveitou para criticar que o Bipartito ten «moitos altos cargos para non estar pendentes da xestión municipal».
«O único que deu acara foi o concelleiro Xan Duro (responsable de Convivencia)»
Taxa de reposición
O edil non adscrito poñía en dúbida o traballo do concelleiro de Facenda, Manuel César, por este ano de atrasos no pagamento das horas extra e instaba o goberno local a convocar a cobertura de 12 prazas de postos de bombeiros que aínda están pendentes. Ao tempo, o ex concelleiro socialista criticáballe a Sanmartín que fixera «demagoxia» escusándose en que esta situación é «un problema herdado e estrutural», recalcando que a débeda de máis de dous millóns de euros é consecuencia «dunha xestión neglixente».
Tamén botou man deste cualificativo a edil socialista Marta Abal, pese a asegurar o voto a favor do pagamento e a concordar co goberno en que o principal inconvinte para Policía Local e Bombeiros, neste caso, viña derivado das limitacións da ‘Lei Montoro’ á taxa de reposición. «Non é unha peculiaridade de Santiago, é imposible cubrir o servizo sen horas extra pero non imos botar man da demagoxia e convoquen xa a cobertura desas 12 prazas».
«Non imos botar man da demagoxia pero convoquen a cobertura desas 12 prazas»
O inconvinte da taxa de reposición tamén o defenderon os edís César e Duro, o primeiro desculpouse «polo atraso» mais asegurou que non se producira «por desleixo» cualificando a situación dunha «eiva» herdada «moito antes deste goberno». Pola súa parte, Duro falou de «pecado orixinal» en referencia á medida de contención do gasto público do ministro Montoro e instou a oposición a que «sexan responsables e falen coa verdade».
Incendio na Pontepedriña
O concelleiro Xan Duro falou na súa intervención no pleno de que entendía «a preocupación» de PP e non adscritos pero non «a súa actitude» e instounos a falar coa verdade sobre o incendio do pasado sábado nun edificio de vivendas na Pontepedriña, que resultou con danos materiais, residentes evacuados e dous dos inquilinos atendidos polos sanitarios por inhalación de fume. «Non houbo Ventorro, a alcaldesa estivo alí», defendeu o concelleiro de CA.
«Sexan responsables e falen coa verdade. Non houbo Ventorro, a alcaldesa estivo alí»
Do episodio do sábado, do que xa deu contas o pasado luns a propia alcaldesa, tamén falou a voceira do goberno, a edil Míriam Louzao, que se solidarizou coa veciñanza da Pontepedriña e defendeu que nesa xornada estaban no lugar «a alcaldesa e catro concelleiros» –unha delas ela mesma–. Louzao asegurou que o goberno local «levamos ao límite a taxa de reposición» e como xa fixera na súa quenda o concelleiro César insistiu en que se sumaron xa «15 policías locais e incorporaranse outros 15 nos próximos meses e 12 bombeiros» que accederán á praza con carácter de interinidade.
A sacar a concurso estas prazas de bombeiros instaron o goberno local tanto do PSOE coma os non adscritos, mentres Borja Verea denunciou que no incidente da Pontepedriña «se o edificio fose de oito plantas falariamos dunha catástrofe». «Marche Sanmartín, isto non dá para máis», asegurou o líder da oposición, que abriu a porta a que continúe o bipartito «con outra persoa á fronte».
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza