Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Incerteza co novo polígono de Lavacolla: o Concello pide reformular o proxecto para «garantir que non afecte ao Camiño Francés»

Dende Urbanismo indican que non xustifica a axeitada inserción no territorio da actuación proxectada nin garante a conexión coas redes e cos servizos existentes como a depuración de augas

Terreos en Lavacolla onde se quere construír un polígono industrial.

Terreos en Lavacolla onde se quere construír un polígono industrial. / Antonio Hernández

Santiago

Despois das críticias presentadas pola veciñanza contra o informe ambiental estratéxico do Plan de interese autonómico (PIA) do parque empresarial de Lavacolla, dende o departamento de Urbanismo que dirixe Iago Lestegás solicítase que se complete ou reforme a documentación presentada para mellorar a súa integración na contorna, garantir que non afecta ao Camiño Francés, e «polas dúbidas sobre a execución das obras complementarias necesarias».

Na resolución, o servizo de Planeamento lembra que, na actualidade, a zona de actuación carece por completo de servizos, polo que «difícilmente vai poder implementarse un parque empresarial de interese autonómico sen grandes investimentos previos en infraestruturas de conexión», entre elas a depuración de augas. Ou dito doutro xeito: non consta ningunha avaliación económica do custe da implantación destas infraestruturas de conexión nin se indica quen vai asumir os gastos da súa implantación, remitíndose o documento a un xenérico estudo en fases posteriores». Por iso, o Concello emitiu un informe que sostén que este estudo debería formar parte da documentación no momento do trámite do PIA. 

O informe lembra que, cando se promove unha actuación deste tipo, é obligatorio garantir a conexión aos servizos existentes (como a depuración de agua) e a viabilidade económica para o seu desenvolvemento. Polo tanto, engade, «debe quedar acreditada a sustentabilidade económica da actuación175 a longo prazo, de forma que o parque empresarial «non se convirta nunha carga económica para o concello».

Outra das cuestións que observa o documento é que o plan «se limita a definir unha ordenación interior» pero non inclúe unha reflexión previa sobre a mellor forma de integrar o futuro parque co viario supramunicipal. De feito, entre os condicionantes do ámbito de estudo destacan o paso do Camiño Francés polo bordo sur-leste, a proximidade do aeroporto, a barreira física que representan as vías A-54 e SC-21 que o bordean, e a ausencia total de infraestruturas de servizos na zona. Por todo isto, o documento entende que deberían estudarse alternativas viables e incluír obrigatoriamente a ordenación prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, que é compatible coas previsións do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Desde o punto de vista do interese municipal, esta solución do PXOM considérase preferente, pois permitiría desenvolver o sector sen a necesidade de cruzar o Camiño Francés cunha vía de tráfico intenso de camións e evitaría saturar con tráfico pesado a antiga N-634, unha vía que xa está ao límite da súa capacidade. En todo caso, calquera variación na formalización dos enlaces coas vías estatais A-54 e SC-21 debe ser analizada e consensuada coa administración titular, que é o Estado. 

«A documentación da promotora non é completa nin precisa»

O informe de Planeamento sinala que o documento «non identifica nin avalía os elementos naturais e territoriais propios e específicos desta zona» e bota en falta, en concreto, que non se definen os camiños existentes, a súa dimensión, as súas rasantes e o seu estado” e que «nin tan sequera se define o Camiño Francés, que atravesa o ámbito».

Así as cousas, a resolución considera que o Documento ambiental estratéxico (DAE) «non fai un estudo axeitado do ámbito de actuación que permita decidir sobre as mellores alternativas de ordenación».

O Concello avisa de que a proposta non cumpre con esixencias da Lei 1/2021. Por un lado, con respecto ao artigo 40.7, «non xustifica a axeitada inserción no territorio» da actuación proxectada nin garante a conexión coas redes e cos servizos existentes; en con respecto ao artigo 45-1, non xustifica a viabilidade económica da actuación nin a sustentabilidade para a facenda local.

En definitiva, o Concello considera que a documentación presentaba pola promotora “non é o suficientemente completa nin precisa” para a avaliación ambiental e insta á que a promotora “complete ou reforme a documentación presentada”, paraabrir un novo trámite de exposición pública e de consultas sobre a nova documentación que se presente. 

Tracking Pixel Contents