As compostelás bótanse á rúa un ano máis para manter vivo «o xerme feminista»
Os colectivos partiron xuntos da Praza 8 de Marzo pero as discrepancias nos seus idearios impediron que a manifestación fose unitaria

As compostelás bótanse á rúa un ano máis para manter vivo «o xerme feminista» / Antonio Hernández

As rúas de Santiago tinguíronse un 25 de novembro máis de lila, para celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e darlle impulso á loita feminista e á loita contra os discursos negacionistas da violencia. A Praza 8 de Marzo foi o punto de encontro, e de desencontro, pois aínda que os colectivos partiron xuntos, non se tratou dunha mobilización unitaria.
Baixo o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista manifestábase a Marcha Mundial das Mulleres até a Praza de Cervantes, mentres que a Asemblea Feminista de Compostela e Taborililás Compostela-Batukada transfeminista chegaban a Praterías reivindicando Diversidade feminista contra as violencias machistas. Durante o traxecto, e ao ritmo das percusións, consignas como «Rebelión, desobediencia contra as violencias», «Estamos fartas de tanto machirulo» ou «Compostela, xerme da cultura feminista».
Pese ás discrepancias a causa común mantense viva. «Non podemos deixar de saír á rúa, porque estamos en alerta feminista ante discursos negacionistas, que minimizan a violencia de xénero», explicaba a EL CORREO, Pilar Estévez, da Asemeblea Feminista. Nesa mesma liña manifestábase Marta Romero, da Marcha Mundial, que alén de reivindicar que «debemos saír máis á rúa, non só o 25N ou o 8M» tamén poñía o foco «no auxe que están tendo as políticas de extrema-dereita e mais o desgoberno da Xunta recortando en orzamentos destinados as mulleres, tanto en sanidade coma en prevención, mentres seguen aumentando as cifras de violencia machista».
Superar a discrepancia
Os colectivos traballan en superar as discrepancias. Romero asegura que se mantén o diálogo e agarda unha manifestación unitaria o vindeiro 8 de marzo, e a ‘desunión’ actual «para o feminismo non debería ser importante», asegura, mais matiza que «a Marcha hai consignas que non vai tolerar, como son as transfobas, así o dixemos nas reunións que mantivemos».
«Dende o movemento feminista tomámola –a discrepancia– coa naturalidade de que somos diversas e temos vontade de chegar a un diálogo, sei que o faremos», aseguraba Estévez. Mentres Ánxela da Batukada Tamborililás, ademais de defender que «os feminismos teñen diverxencias e diferentes formas de ser e de organizarse», aseguraba que «hoxe estamos celebrando e máis tranquilas porque un violador do noso país foi arrestado en Cuba».
Loitar en todos os ámbitos
O acto institucional do Pazo de Raxoi contou este ano co alumnado dos IES Antonio Fraguas e Sar. Os estudantes denunciaron«todas as violencias que vivimos as mulleres e as desigualdades de xénero, isto non é un problema de individual é estrutural, un sistema que nos quere en silencio», e tamén puxeron o acento na violencia dixital, sinalando que «ás veces agóchase detrás dunha pantalla, disfrazada de burlas que parecen pequenas, pero que chegan a facer un dano profundo e silencioso. É importante que nos comprometamos a non compartir insultos e non gardar silencio».
Tamén dende o ensino, desta volta dende a USC, a Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (Ruigeu) se conmemorou o 25N coa lectura dun manifesto que puxo o foco no «cuestionamento dos avances a prol da igualdade» na Praza da Obradoiro. Núcleo da cidade e onde alumnado de Socioloxía da Educación da Facultade de Maxisterio levou a cabo cinco performances de denuncia das violencias, «derrubando muros» e representando unha «poxa simbólica» de seres humanos.
E tamén dende o movemento obreiro se reivindicou a loita contra as violencias machistas. UXT-Galicia, reiterou o seu compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia e fixo un chamamento ás traballadoras para combatela «ata a súa total eliminación» e puxo enriba da mesa a necesidade de desarmar o discurso negacionista. Unha chamada da que era protagonista a súa sede en Compostela, que é dende agora Punto Lila, uníndose aos demais puntos que o sindicato ten noutras das súas sedes galegas: Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
A CIG conclúe a manifestación ante a sede do PP local
O 25-N tivo este ano en Compostela un episodio máis propio da polarización política do momento que dunha xornada reivindicativa dos dereitos das mulleres e da erradicación das violencias machistas. O sindicato CIG finalizou a súa mobilización diante da sede do PP de Santiago. Acto que os populares denunciaron e pediron a condena deste feito por parte dos grupos que conforman Bipartito, BNG e Compostela Aberta.
«É unha total incoherencia», explicaba a edil María Baleato, «que unha protesta a favor dos dereitos das mulleres» dea lugar a que «o persoal do PP de Santiago traballase escoltado pola Policía Nacional, despois de que a CIG ameazase con rematar a súa manifestación diante da nosa sede».
A edil do PP Olaya Otero facía nas súas redes sociais unha denuncia da situación vivida e proclamaba o seu feminismo: «Son feminista!! Loito por erradicar a desgraza absoluta que é a violencia machista. A vida vaime niso!». Unha reivindicación que acompañou tamén de crítica á acción da CIG: «O acontecido prodúceme unha profunda tristeza, nunha xornada na que a solidariedade e o feminismo deberan estar por riba de calquera outra cousa».
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas