Santiago
Compostela volve á rúa polo 25N para combater a violencia machista
Manifestacións, eventos instiucionais e performances son os principais actos previstos para a xornada

Manifestación en Santiago o pasado 25N / Antonio Hernández

A conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres volverá ser protagonista en Compostela coa celebración de diferentes actividades, tanto de iniciativa cidadá como institucional. O principal foco de atención situarase nas manifestacións, que partirán ás 20.00 horas desde a Praza 8 de Marzo. Unha vez máis as organizacións feministas da cidade acoden a esta cita divididas con dúas convocatorias distintas, aínda que sairán do mesmo punto e á mesma hora.
Dúas convocatorias do feminismo compostelán
Por unha banda, a Marcha Mundial das Mulleres mobilízase baixo o lema ‘Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista’ para denunciar o «trato inxusto» e o «abuso de poder» que se produce sobre as mulleres cando os organismos públicos «levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións». O colectivo mudará o seu percorrido habitual e prevé rematar na Praza de Cervantes.
Mentres, a Asemblea Feminista de Compostela e Tamborililás Compostela - Batukada Transfeminista manifestaranse co lema común ‘Diversidade feminista contra as violencias machistas’ e finalizarán o percorrido na Praza de Praterías.
Actos institucionais
No ámbito institucional, o Concello de Santiago celebrará un acto no Salón Nobre do Pazo de Raxoi ás 11.00 horas, no que se dará lectura á declaración aprobada pola Corporación Municipal. O texto fai un chamamento a «reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres». Desta maneira, subliña a necesidade de «intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión» e «concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos».
A USC ten previsto un acto consistente na lectura do Manifesto 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria ás 13.00 horas na Praza do Obradoiro. A estudante de doutoramento da Facultade de Filosofía Cruz Fernández González dará conta das vítimas de violencia de xénero e de violencia vicaria deste último ano. A continuación gardarase un minuto de silencio.
Performances reivindicativas
Desde o estudantado, as alumnas da materia Socioloxía da Educación de Maxisterio levarán a cabo cinco performances que se distribúen entre a súa facultade, a Praza do Obradoiro, a Praza Roxa e o Mercado de Abastos entre as 12.15 e as 13.20 horas. A iniciativa, a través da que xa se levaron a cabo outras cinco intervencións onte, pretende abrir espazos de conciencia, diálogo e sensibilización sobre a violencia machista. Con este propósito, por exemplo, unha das performance que se poderá ver no Obradoiro consistirá nunha poxa simbólica na que tres mozas estarán caracterizadas como obxectos para representar a cousificación da muller.
Institucións como o Consello da Cultura Galega tamén conmemoran esta data coa publicación en rede da monografía Ecofeminismos. Ademais, ao día seguinte celebrará unha xornada sobre fotografía e feminismo.
Alba Nogueira reclama recursos para a igualdade na USC
Alba Nogueira, candidata á Reitoría da USC, chamou onte a dotar o cadro de persoal da Oficina de igualdade de xénero cando menos cunha técnica de igualdade no Campus de Santiago e outra no Campus de Lugo. Ante a celebración do 25N, sinalou que «o impulso de políticas ambiciosas de igualdade non se pode facer desde un servizo dotado cun único posto base en Santiago e sen garantir unha especialización en cuestións de xénero».
Nogueira salientou o traballo das persoas que compoñen as comisións de igualdade, pero advertiu que «non pode facerse descansar unha política central para a universidade no voluntarismo e a ausencia de medios especializados».
- El dieciocho: el nuevo espacio gastronómico de Área Central que ostentará la pizzería más premiada de Galicia
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- Luto en Santiago por la muerte de Teté Otero Davila, referente del patinaje artístico en la ciudad
- Así afectará al transporte urbano de Santiago la huelga de autobuses convocada para este viernes
- Sábado trágico en Santiago: una mujer pierde la vida tras caerle encima una nevera
- ¿Qué supermercados abren este puente de la Constitución en Santiago?
- Santiago se queda sin servicios mínimos de transporte urbano: los piquetes impiden la salida de los buses de Amio
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas