Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello licita as obras da Casa dos Maiores do Ensanche

Situado no antigo edificio da Tesouraría da Seguridade Social ten un orzamento de 1,6 millóns e 10 meses de prazo de execución

O 17 de San Pedro de Mezonzo vai acoller o CSC Casa dos Maiores

O 17 de San Pedro de Mezonzo vai acoller o CSC Casa dos Maiores / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno aprobou este luns o expediente de contratación das obras de acondicionamento do número 17 de San Pedro de Mezonzo, futuro Centro Sociocultural (CSC) Casa dos Maiores do Ensanche. Unhas actuacións para as que se dispoñen 1,6 millóns de euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 10 meses. «Unha obra bastante ambiciosa», explicaba en rolda de prensa a edil de Servizos Sociais, María Rozas, «pero o máis importante non son os equipamentos», incidía a concelleira, «senón as políticas ás que se vai destinar», orientadas ao envellecemento activo e paliar os efectos da soidade non desexada.

O CSC Casa dos Maiores vai combinar dous tipos de servizos: un para persoas maiores nun dos barrios máis avellentados da cidade –en total Santiago contabiliza 23.000 habitantes maiores de 65 anos, 4.800 no Ensanche–; e outro máis orientado á mocidade como centro sociocultural. O proxecto do goberno local pretende que a Casa dos Maiores funcione como centro interxeracional, no que se creen sinerxías entre novos e maiores. «Creo que esta proposta vai marcar un antes e un despois na atención da xente maior e do conxunto da veciñanza do Ensanche», defendeu Rozas.

As empresas interesadas en concursar disporán dun prazo de 20 días naturais para a presentación das súas ofertas, un prazo que se contará dende o día seguinte á publicación do anuncio na plataforma de contratación do Sector Público. A concelleira estima que o novo centro interxeracional poida ser unha realidade no ano 2027.

A edil María Rozas presentou o plano do que será o CSC Casa dos Maiores

A edil María Rozas presentou o plano do que será o CSC Casa dos Maiores / CONCELLO

Un local, cinco espazos

As dependencias da Casa dos Maiores teñen unha superficie total de 1.200 metros cadrados, nos que o proxecto contempla a demolición das divisións e dos acabados actuais «para darlle unha distribución acaída ao novo servizo», explicou Rozas, «así como a renovación das fachadas tanto da que dá á rúa coma da que dá ao patio interior». Unha praza interior que tamén será accesible para as persoas usuarias da Casa dos Maiores do Ensanche.

Segundo indicou a concelleira, o novo servizo vai estar xestionado polas concellarías de Servizos Sociais e Centros Socioculturais e contará con cinco espazos, «pensados para acoller obradoiros, son salas transversais para poder atender calquera tipo de taller, mesmo ten posibilidades de cociña», aclarou a edil. A Casa dos Maiores vai incorporar tamén «unha sala de lectura vinculada a unha ampla biblioteca» de titularidade municipal, a diferenza da que xa existe no CSC do Ensanche –Frei Rosendo Salvado–, cuxos fondos resultan dun convenio coa Fundación Abanca.

O proxecto para o local de San Pedro de Mezonzo contempla tamén a habilitación dun salón de usos varios «que terá capacidade para preto de 180 persoas» e no inmoble disporase ademais dunha zona de despachos para «o persoal dos servizos sociais que se dedica a desenvolver políticas públicas para os maiores», sinalou a edil.

Tracking Pixel Contents