Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC súmase aos actos polo 25N: «Hai que construír unha comunidade universitaria verdadeiramente igualitaria»

A institución reivindicou este martes no Obradoiro o papel das unidades de igualdade universitarias e advertiu do perigo dos discursos negacionistas «carentes de rigor científico»

O Obradoiro acolleu a lectura do manifesto polo 25N da Universidade de Santiago.

O Obradoiro acolleu a lectura do manifesto polo 25N da Universidade de Santiago. / Santi Alvite

L.R.

Santiago

A Universidade de Santiago conmemorou este martes 25 de novembro nos seus campus de Santiago e Lugo o Día Internacional para a Eliminación da violencia conta as Mulleres coa lectura do Manifesto 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) e a garda dun minuto de silencio. En Santiago, o acto desenvolveuse na Praza do Obradoiro coa lectura do manifesto a cargo da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, tras a que a estudante de doutoramento da Facultade de Filosofía, Cruz Fernández González, deu conta das vítimas de violencia de xénero e de violencia vicaria deste último ano. Entre outros asistentes, estiveron a vicerreitora de Estudantes, Pilar Murias, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

No comunicado manifestan unha “especial” preocupación pola “crecente visibilidade de sectores sociais que cuestionan os avances en prol da igualdade e a difusión de discursos negacionistas, carentes de todo rigor científico, promovidos por algúns sectores políticos que cuestionan a existencia mesma das violencias de xénero”. Por conseguinte, engaden, resulta “imperativo fortalecer a educación na igualdade de xénero, a non discriminación en todas as súas formas, os dereitos humanos e o pensamento crítico, e impulsar a transferencia dos contidos das investigacións académicas rigorosas realizadas con perspectiva de xénero nas nosas universidades”.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, participou no minuto de silencio.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, participou no minuto de silencio e escoitou o manifesto polo 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU) / Santi Alvite

As universidades márcanse como reto, así mesmo, avanzar na integración da perspectiva interseccional, xunto ao enfoque de xénero, “para construír unha sociedade e, polo tanto, unha comunidade universitaria verdadeiramente igualitaria, inclusiva, diversa, segura e coidadosa con todas as persoas”. Por outra banda, mostran a súa preocupación pola expansión e normalización das violencias dixitais entre a mocidade universitaria.

As unidades de igualdade reivindícanse como “estruturas básicas” da LOSU

Diante desta situación, e no ano en que se conmemora o 30 aniversario da Plataforma de Beijing, as unidades de igualdade da RUIGEU reivindícanse como “estruturas básicas” da LOSU cunha labor esencial para a sensibilización, prevención, formación e incorporación transversal da igualdade no desenvolvemento das políticas universitarias. “Precisamente por isto -denuncian- consideramos absolutamente inadmisible que, a día de hoxe, aínda existan unidades de igualdade que non reciban os fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero transferidos ás comunidades autónomas”. “Non se pode permitir que a resposta institucional ante unha vulneración tan grave dos dereitos humanos se vexa paralizada ou minguada polo negacionismo político”, sentencian.

Programación polo 25N

Ademais dos actos centrais, son numerosos os centros docentes e de investigación que están a desenvolver accións que nalgúns casos se prolongarán ata finais deste mes. Todas as actividades poden consultarse nunha páxina web que coordina a Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

Tracking Pixel Contents