Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Acordo entre a CIG-Ensino e a USC: pagarase a Seguridade Social aos investigadores María Zambrano e Margarita Salas

O acordo recolle a todo o persoal, teña ou non neste momento relación contractual coa institución compostelá

O pago farase en tres prazos: dous no 2026 e un en xaneiro de 2027

Investigadores nun laboratorio da Universidade de Santiago.

Investigadores nun laboratorio da Universidade de Santiago. / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

Despois de coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo 892/2025 dando a razón á CIG-Ensino en canto ao pagamento das cotas patronais do persoal contratado mediante os programas Margarita Salas e María Zambrano por parte da Universidade de Santiago, o sindicato púxose en contacto coa reitoría para intentar chegar a un acordo. Asimesmo, CIG-Ensino presentou denuncias ante as Inspeccións de Traballo para a actualización das bases de cotización deste persoal.

Na reunión mantida a semana pasada co reitor, Antonio López e co xerente, Javier Ferreira, a CIG-Ensino logrou que a Universidade asuma o pago das cantidades adebedadas, unha vez conte coa autorización da Xunta de Galiza por cuestións legais. O acordo recolle a todo o persoal, teña ou non neste momento relación contractual coa USC. Sairán beneficiados cincuenta investigadores con contratos Margarita Salas e quince María Zambrano.

A forma de pagamento, segunda anuncia CIG-Ensino quedou acordada en tres prazos para todo o persoal: dous no ano 2026 e un último en xaneiro do 2027. «No que se refire á débeda dos xuros continúan abertas as negociacións para o seu abono, non sendo este tema un impedimento por parte da USC para o acordo», indican.

Os reitorados optaran nun principio de forma maioritaria por pagar a cuota patronal da Seguridade Social cos fondos das convocatorias, que en teoría debían destinarse a aboar salarios. O alto tribunal calificou de «inxustificado» que as universidades utilizaran ese diñeiro para pagar a súa parte das cotizacións. A primeira denuncia por este asunto chegou no 2023 por parte de Comisións Obreiras por un caso da Universidade de Valladolid.

A Universidade de Vigo aboará as cantidades pendentes

A sentenza da Universidade de Vigo era anterior e non existía acordo sobre a forma de pagamento pero, posteriormente á reunión coa USC, convocou ao sindicato a unha xuntanza na que comunicou que ía realizar os pagamentos «sen necesidade de que cada persoa afectada acudise de novo ao xulgado con reclamacións individuais», tal e como se estaba a facer ante a falta de resposta.

No caso da Universidade de A Coruña, chegouse o ano pasado a un acordo coa CIG-Ensino para pagar a todo o persoal, con independencia de que estivesen en activo como se xa remataran contrato.

Desde a CIG-Ensino mostran a súa satisfación de que «as tres universidades galegas, dunha forma ou outra, poñan fin ao conflicto colectivo gañado polo sindicato na xustiza e paguen as cantidades adebedadas ao persoal dos citados programas».

Tracking Pixel Contents