Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novidades deste 2025

O Nadal "máis picheleiro": Raxoi presenta unha programación centrada no talento local

Nas festas, cun orzamento arredor do millón de euros, serán protagonistas a iluminación, PistaCatro e as bandas do concello

Na Praza do Obradoiro ultímase a decoración do Bosque de Nadal para estas festas

Na Praza do Obradoiro ultímase a decoración do Bosque de Nadal para estas festas / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Raxoi presentou este mércores a programación de Nadal, un programa cuxo arranque vén marcado, como non, polo acendido da iluminación festiva, que será este venres ás 19 horas na Praza do Obradoiro. Obradoiros, xogos, música de bandas locais e das que ensaian no Centro Xove da Almáciga e actuacións circenses son algunhas das novidades deste 2025.

A estrela de oito puntas (Estrela de Compostela), o carácter participativo e a promoción, non só do talento picheleiro, tamén do comercio local marcan o deseño da que o goberno municipal quere que sexa "a terceira festa de Santiago", unha festa cuxo orzamento de 2025 se sitúa arredor do millón de euros.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada das edís de Comercio, María Rozas, e de Festas, Pilar Lueiro, deu conta das claves do programa deste ano, que inicia o venres 28 ás 19 horas no Obradoiro co acendido do alumeado. Pero antes, explicou Sanmartín, "dúas comitivas partirán ás 18.30 dende a Carreira do Conde e a Porta do Camiño", con paradas nas prazas do Toural e Cervantes, respectivamente. As comitivas terán o acompañamento musical da Agrupación Folclórica dde Sar e dos Enxebres de San Lázaro.

No Obradoiro, serán os malabares de PistaCatro (Premio Nacional de Circo 2025) os que lideren o espectáculo, no que tamén participarán Circo Mestura e Duelirium. Sobre este último show, a alcaldesa só adiantou que se tratará "dun espectáculo exclusivo, que contará coa actuación da cantante Mónica de Nut". A rexedora afirmou que "para gardar a sorpresa" non podía adiantar máis nada do espectáculo do venres, pero animou a veciñanza a "que se fixen nas alturas".

Promocionar o local

A edil de Comercio, María Rozas, explicou que o Nadal compostelán busca de novo promocionar talento e comercio locais. Así mantéñense as carpas da Praza Roxa e da Alameda, neste último espazo cunha programación de obradoiros "para todos os públicos" que dará inicio o 19 de decembro "coincidindo co inicio daa vacacións escolares". E de novo na Alameda haberá pista de xeo ecolóxica, rocódromo e piscina de bólas, entre outras ofertas.

Na Praza Roxa establecerase o punto neurálxico da música das formacións picheleiras, repetindo o Son Xove (os venres) e mais o Son Vermú (os sábados), "sen vermú, de vermú só ten o nome", chanceou a concelleira, e incorporando os domingos o É Domingo, que contará con actuacións coma a do dúo Eva Camilo.

En canto á promoción do comercio local, haberá animación de rúa, "como demanda o sector" e Ruleta de Agasallos, na que se poderá participar presentando o ticket dun pequeno comercio (por unha contía mínima de 5 euros). E volven os mercados de Nadal da Carreira do Conde, dende este venres, e de Área Central, dende o período vacacional escolar, cuns 90 expositores de artesanías de todo tipo (téxtil, culinaria, xoiaría...) e mantendo a zona de recreo infantil, "con case 40 obradoiros para crianzas de ata catro anos".

San Silvestre, Fin de Ano e o rural

A concelleira Pilar Lueiro adiantou o evento que conxuga dúas das súas competencias, Festas e Deportes, a Carreira de San Silvestre, convocada para o 31 de decembro ás 17 horas. A edil animou a veciñanza a acudir a "unha das competicións deportivas máis divertidas" con "ánimo deportivo... E festeiro" e así conseguir superar a participación de 2024, carreira para a que se animaron máis de 2.200 persoas.

E logo da San Silvestre, á media noite, Festa de Fin de Ano no Obradoiro, con cotillón, badalada e música "a pé de rúa" coa Charanga Mecánica.

Pilar Lueiro anunciou tamén que nos próximos días dará conta máis polo miúdo da programación de Nadal nas parroquias rurais, e adiantou que habera actividades para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos.

Tracking Pixel Contents