As facturas pendentes de Raxoi: máis de cen recibos sen pagar, 26 deles de Viaqua
A oposición ao completo critica a xestión orzamentaria do goberno local e tumba un recoñecemento de crédito

Fachada del Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. / Antonio Hernández

"Supoño que saben a transcendencia que ten non desbloquear este pagamento, están opoñéndose a que a xente cobre". A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, dirixía estas palabras ao Partido Popular xusto antes da votación dun recoñecemento extraxudicial de crédito que permitiría o pagamento de 119 facturas, 26 delas correspondentes a unha débeda do contrato de lixo con Viaqua, con data de 2019.
O concelleiro de Facenda, Manuel César, explicou na súa intervención que as facturas de Viaqua correspondían a «un apremio de cobranza do lixo», un cobro que «supón o 3% da recadación de Viaquea máis o IVE», aclarou. César tamén indicou que a contía destas facturas «suman a maior parte» dos 1,9 millóns de euros do recoñecemento extraxudicial de crédito, 992.395 euros.
O pleno rexeitou o expediente cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta e PSOE, o voto en contra dos 11 edís populares e a abstención dos catro non adscritos. As tres forzas da oposición (PP, PSOE e non adscritos) pese a non coincidiren na orientación do seu voto, si cadraron na crítica á xestión orzamentaria do goberno local, o pago medio a provedores e o abuso do contrato menor.
A única nota discordante nesta unanimidade foron as palabras da socialista Marta Abal que felicitaba o concelleiro de Facenda, Manuel César, por conseguir desbloquear a xestión do apremio de cobranza de Viaqua e recoñecía que «é necesario cambiar o sistema de recadación». En calquera caso, o desbloqueo do goberno local, finalmente non serviu de nada, xa que eses e 26 recibos e os outros 93 que formaban parte do expediente foron rexeitados.
Pago medio a provedores e abuso do contrato menor
A oposición no Pazo de Raxoi afeoulle unha vez máis ao edil de Facenda, non só que levase a pleno un novo recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar facturas atrasadas, tamén o período medio do pago a provedores e o "abuso" que o Bipartito fai dos contratos menores.
Deste último punto defensíase Manuel César indicando que "foi este goberno, sen que o mandase a norma, quen introduciu a obriga de que para a concesión destes contratos, cando se superen os 5.000 euros, teña que haber cando menos a oferta de tres empresas".
En canto ao pago a provedores, foi o voceiro non adscrito, Gonzalo Muíños, o primeiro en lembrar que foi en 2024 cando nun mes o pago medio superou os cen días (119), "cando a norma establece o pago medio nos 30 días, catro veces máis".
Un dato que tamen lembrou a edil do PP Rosario Ferreiro, que acusou o goberno local de "ir arrastro" na xestión orzamentaria e municipal ademais de lembrarlle ao Bipartito que "o abuso da adxudicación de contratos menores vai contra a libre competencia, ademais de que pode dar lugar a malversación".
Ferreiro, á que respondeu a rexedora xusto antes da votación, dirixiuse ao goberno para preguntar se non lles causaba "sorpresa" non ter o apoio dos non adscritos e, de seguido, recriminoulles: "Necesitan os nosos votos? Chamáronnos? Votaremos en contra".
Neste punto, Sanmartín ademais de instar o PP a considerar as consecuencias que o voto en contra implica "para a veciñanza e as empresas", aclarou que as facturas de Viaqua eran "un problema dende hai anos e se precisaban máis explicacións houbo ocasión antes deste pleno de pedilas". A rexedora referíase á comisión informativa previa á sesión plenaria, desaproveitada polo PP para pedir esas informacións, "como sería lóxico", valorou Sanmartín.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- Una cafetería de Santiago se cuela entre las mejores de Europa
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza
- Un rayo deja inoperativos los semáforos de Santiago y limita los accesos al túnel del Hórreo