Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

PP e Non Adscritos alíanse para que o pleno condene a concentración da CIG ante a sede 'popular'

Os populares denunciaron que o sindicato nacionalista finalizara a mobilización do martes ante a súa sede «increpando e insultando»

Manifestación do sindicato CIG ante a sede local do PP

Manifestación do sindicato CIG ante a sede local do PP / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

O pasado martes, 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, o sindicato nacionalista CIG finalizaba a súa mobilización diante da sede do Partido Popular de Santiago. As edís populares non tardaron en denunciar tal acción anunciada, segundo contaban, na cartelaría da convocatoria da manifestación. «É unha incoherencia», explicaba a edil María Baleato, «que unha protesta polos dereitos das mulleres teña por obxectivo protestar ante varias traballadoras que só exercen as súas funcións».

Nesa mesma denuncia o PP local pedía que as formacións que integran o bipartito –BNG e Compostela Aberta (CA)– condenasen estes feitos, unha condena que chegou na mañá do mércores por parte da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), e da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas (CA), respondendo ás preguntas dos xornalistas e rolda de prensa.

Así é todo, o PP de Santiago xa estaba na procura de adhesións doutros grupos da Corporación local para instar, no pleno ordinario que se celebra este xoves, a condenar accións coma as protagonizadas polas participantes na mobiliazación da CIG do 25N. Un requerimento ao que se sumaron os concelleiros non adscritos que, aínda que «non discuten que as reivindicacións das manifestantes sexan xustas», cuestionan que «nin era o día nin o lugar» e engaden que «feitos coma este desvían o foco do realmente importante e debilitan o consenso que sempre existiu no noso Concello en materia de feminismo».

Un feminismo que proclamaba no día dos feitos a edil popular Olaya Otero a través da súas redes sociais, que ao tempo que denunciaba que tivera que realizar o seu traballo «escoltada pola policía coas miñas compañeiras, mentres outras mulleres nos increpaban e insultaban» se afirmaba en que: «Son feminista!! Loito por erradicar a desgraza absoluta que é a violencia machista. A vida vaime niso!».

Mobilización do sindicato nacionalista ante a sede do PP local este 25 de novembro

Mobilización do sindicato nacionalista ante a sede do PP local este 25 de novembro / CEDIDA

A resposta do goberno local

Preguntadas pola prensa sobre a situación xerada pola mobilización da CIG ante a sede do PP local e a denuncia deste último, Sanmartín e Rozas defenderon o dereito á manifestación, mais non compartiron «as formas», e así o dixo e concelleira María Rozas.

«Comparto coa alcaldesa que as manifestacións que rematan diante da sede dun partido político non son novidade, nin creo que sexa algo reprochable porque debemos ter o máximo respecto ao dereito á manifestación, mesmo cando non compartamos as formas nas que se exerce ese dereito».

Pola súa parte a rexedora defendeu que «ningunha das forzas que compoñen este goberno convocou ningunha manifestación» e pese a denunciar que o PP non condena as manifestacións ante a sede de Ferraz tamén matizou que ten dito «en distintos foros que é importante calmar os ánimos, pero tamén é lóxico que a xente que se enfade cando se rebaixan os orzamentos das políticas contra a violencia de xénero ou se pacta e se deixa entrar nas institucións a un partido coma Vox, que nega a violencia machista».

A edil María Rozas entende que se denuncien «as políticas regresivas vinculadas ao PP», pero lamentou «que se estea a falar disto e non do que debera ter protagonismo: que o 25N o movemento feminista fai a súa denuncia sobre as violencias machistas, das que cada día hai 21 denuncias neste país».

Tracking Pixel Contents