Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Duro anuncia a adxudicación dunha parte do contrato de centros socioculturais de Santiago

O concelleiro revela no pleno que o lote de dinamización e mediación sociocultural xa foi asignado entre críticas da oposición

Instalacións do centro sociocultural de Santa Marta de Santiago

Instalacións do centro sociocultural de Santa Marta de Santiago / Concello de Santiago

Manu López

Manu López

Santiago

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, anunciou onte que xa o goberno adxudicou provisionalmente unha das partes nas que se divide o novo contrato. Trátase do lote número 3, correspondente á dinamización e mediación sociocultural. Tras revelar esta decisión, adoptada nunha xuntanza celebrada a primeira hora do xoves, asegurou que «estamos moi preto de solucionar a situación» na que se atopa o servizo. Actualmente préstase en precario, con atrasos nos pagos ao persoal e suspensión de actividades.

O anuncio de Duro chegou na súa resposta a unha proposición do Partido Popular, na que o edil José Ramón de la Fuente reclamou que o goberno local garanta a normal realización das actividades, publique o programa de conciliación de Nadal canto antes e proceda a devolver de forma dilixente os cartos aos usuarios polos servizos que pagaron e non se están prestando. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor dos grupos da oposición e as abstencións do goberno.

Críticas da oposición

De la Fuente mostrouse moi crítico con Duro e estendeu os seus reproches a todas as áreas das que é responsable para afirmar que «ningunha presenta unha xestión aceptable». Con respecto aos centros socioculturais, acusouno de levar «dous anos de mentiras» e remarcou que «o goberno puido evitar a situación ou minimizala», dadas as circunstancias nas que se atopaba Serviplus, a concesionaria dos principais lotes, pero «non fixo nada».

A concelleira non adscrita, Mercedes Rosón, sinalou que os centros socioculturais «non poden depender dunha empresa que non ten estabilidade, nin garantías, nin capacidade acreditada» e preguntouse que vai pasar cos usuarios e co persoal ata que se resolvan os novos pregos. «Foi nefasta a xestión e a incertidume é moi grande para toda a veciñanza», concluíu.

Por parte do PSOE, Marta Abal indicou que «o normal tería ser actuado con dilixencia» para non chegar á situación actual e criticou a «precariedade» e a «involución social» que apreza nos novos pregos.

Duro garantiu que se devolverán os cartos a quen o solicite polas actividades suspendidas e que tamén se ofrecerá a posibilidade de recuperalas, ademais de sinalar que a programación de Nadal xa foi presentada.

Tracking Pixel Contents